Centro de Documentación da AELG
Os anuncios que aparecen nos xornais son unha fonte inesgotable de historias
15 de febreiro de 2006
Xesús Fraga
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

«Os anuncios que aparecen nos xornais son unha fonte inesgotable de historias»

Agustín Fernández Paz, escritor

Cada día, os xornais traen un feixe de historias de todo o mundo. Os titulares recollen acontecementos, épicos, tristes, felices ou dramáticos. Pero os periódicos tamén teñen a súa letra miúda. E nela detívose Agustín Fernández Paz para escribir os relatos recollidos en «Contos por palabras». Anuncios que en principio parecen só buscar un emprego poden tirar do fío da imaxinación e abrir a porta para que o fantástico entre na vida cotiá. «Contos por palabras» foi o primeiro libro galego en acadar o Premio Lazarillo é un volume que convida a disfrutar a lectores non só novos, senón de tódalas idades. 
     
Cando apareceu por primeira vez nas librerías Contos por palabras , houbo críticas que louvaron a imaxinación do autor Agustín Fernández Paz (nacido en Vilalba en 1947). Tanto, que algúns ata chegaron a pensar que os anuncios que encabezan cada un dos contos recollidos neste libro tamén foran inventados polo autor. O escritor empeza a entrevista cunha aclaración: «Quero dicir que son reales, algúns deles de La Voz».

-¿E como foi o de inventar os contos a partir dun anuncio nun xornal?

-Ocorréuseme un día que aí había historias para contar. Aínda que os anuncios cambiaron moito: hoxe parece que habería que escribir un título para La sonrisa vertical . Vin que nas catro ou cinco liñas dun anuncio estaba contida unha historia, así que decidín escribilas. Fixen quince ou dezaséis e logo elixín as que me pareceron as mellores. Os xornais son unha fonte inesgotable de historias.

-Dixo que era onde se atopaba a xente corrente nun xornal...

-Para min foi un abraio moi grande ver o que daban de si as historias dos anuncios. Eu lle dicía á xente que era imposible, que os xornais falaban de xente importante, pero aí estaban as historias, en cinco ou seis palabras nos anuncios.

-E de algo tan cotiá como os anuncios por palabras saen historias fantásticas.

-Eu fágoo adrede, gústame esa mestura dos elementos fantásticos con outros da vida real. Isto permíteme meter personaxes que son arquetipos: polos contos aparecen Spíderman, un vampiro, un lobishome... Creo que é unha forma de ter ó lector xa medio gañado desde o principio do texto, porque son personaxes de eficacia probada.

-¿Enténdese así que na vida cotiá tamén hai momentos de aventura?

-Debaixo das páxinas deste libro latexa un xeito de entender a vida coma unha sorpresa continua. Participo desa visión do mundo chamémoslle cunqueirán, de mestura da realidade e a fantasía.