Centro de Documentación da AELG
Relatos mínimos - Os raros mecanismos da memoria. [Fragmento]
Fernández Paz, Agustín
Sempre oíra dicir que

    Sempre oíra dicir que, nos breves instantes que precederían á súa morte, toda a súa vida pasaría de xeito acelerado diante dos seus ollos, permitíndolle revivir por derradeira vez as experiencias, amargas unhas, felices outras, rutineiras as máis, que a súa memoria, sempre sabia, fora sepultando co paso dos anos. Un fenómeno así, pensara máis dunha vez, tiña que obedecer a algunha rara orde gravada nunha zona ignorada da curva helicoidal do noso ADN, algo así como unha consoladora versión divina da máquina que Adolfo Bioy Casares imaxinara en La invención de Morel
    Pero algunha peza debeu fallar na súa máquina, algún aminoácido debeu alterar a secuencia que poñería en marcha o complicado mecanismo, porque, nos últimos segundos da súa vida, a memoria quedoulle ancorada con firmeza na imaxe luminosa de Pilar, a rapaza de trenzas loiras que tanto amara nos seus anos adolescentes.