| Non 
                                      será doado para min estar á 
                                      altura da brillante e garimosa laudatio 
                                      que acaba de facer o meu querido colega 
                                      Xosé Ramón Barreiro, a quen 
                                      lla agradezo en nome de todos os que pertencemos 
                                      ó Patronato e ó Museo. A dificultade 
                                      aumenta no meu caso porque eu non estou 
                                      afeito a recibir premios, nin siquera en 
                                      representación doutros, e o meu carácter, 
                                      máis dado á crítica 
                                      aceda e ó sarcasmo que á gabanza 
                                      e á noraboa doce, non vai moito con 
                                      estes amables agasallos. Pero si teño 
                                      metido no meu código xenético 
                                      ese dito da miña terra de orixe que 
                                      reza: ser agradecido é ser ben nacido. 
                                      E con todo corazón agradezo a honra 
                                      que me concederon os meus compañeiros 
                                      de Patronato de intervir neste acto para 
                                      expresar, en nome propio e no de todos eles, 
                                      o sinceiro recoñecemento de todos 
                                      nós por esta distinción que 
                                      co seu nome invita a emular ás persoas 
                                      máis admirables que deu Galicia. 
                                      Bos e xenerosos foi o apelativo colectivo 
                                      que quixeron para si os homes e as mulleres 
                                      que, co seu sacrificio desinteresado, contribuíron 
                                      poderosamente a que os galegos sigan a ser 
                                      un pobo de seu, unha patria no sentido máis 
                                      noble desta verba. Nós non podemos 
                                      aspirar a igualalos. Chéganos con 
                                      imitalos, que xa é de abondo. Hai 
                                      momentos históricos nos que os pobos 
                                      empezan a rebulir na procura de novos horizontes, 
                                      do cumprimento de arelas, vellas ou novas. 
                                      Tales foron os anos diso que agora chamamos 
                                      transición e que daquela moitos queríamos 
                                      ruptura total cun presente e un pasado ominosos. 
                                      Agromaban naquel tempo moitos proxectos. 
                                      E case todos morrían apenas nados, 
                                      víctimas nuns casos dun radicalismo 
                                      inviable, noutros de retesías sectarias 
                                      ou de rifas personalistas, e sempre pola 
                                      resistencia duns poderes reacios por natureza 
                                      a todo o que non controlaban. O proxecto 
                                      do Museo do Pobo Galego foi un dos poucos 
                                      que callou, e hoxe ten a honra de ser, xunto 
                                      coa Academia Galega, unha das contadas institucións 
                                      importantes no ámbito da cultura 
                                      galega que, criadas pola sociedade civil 
                                      no século XX, poden afrontar consolidadas 
                                      o século XXI. O 
                                      segredo desta capacidade de supervivencia 
                                      pouco frecuente cecais estea na vontade 
                                      dos seus primeiros promotores de recoller 
                                      e aplicar o espírito do extinto Seminario 
                                      de Estudos Galegos, o que implicaba, amén 
                                      do servicio non retribuído a Galicia, 
                                      a integración na obra común 
                                      de todas aquelas persoas e institucións 
                                      dispostas a participar no labor proposto, 
                                      por riba de diferencias ideolóxicas 
                                      ou profesionais, e dispostas tamén 
                                      a asumir a independencia da institución 
                                      respecto de calquera poder e de calquera 
                                      partido, aínda o prezo de obter menos 
                                      axudas dos administradores dos grandes recursos, 
                                      públicos ou privados. Isto levounos 
                                      a un desenvolvemento demorado, pero continuo, 
                                      mais tamén á preservación 
                                      estricta dos plantexamentos de partida. Coherentes 
                                      con eses plantexamentos ofrecemos a presidencia 
                                      do Patronato en formación ó 
                                      único supervivinte da xeración 
                                      Nós, que fora tamén presidente 
                                      do Seminario, Don Ramón Otero Pedrayo, 
                                      quen, coa súa proverbial amabilidade 
                                      e predisposición ó servicio 
                                      da terra, contestounos aceptando, malia 
                                      estar xa moi enfermo. Por desgracia a morte 
                                      levouno antes da constitución da 
                                      nosa entidade, e o seu lugar foi ocupado 
                                      polo herdeiro desa xeración máis 
                                      relacionado co noso eido de actuación, 
                                      Xaquín Lourenzo, “Xocas”. 
                                      No Patronato entraron tamén case 
                                      tódolos seus compañeiros de 
                                      xeración, entre os que cabe salientar 
                                      pola súa adicación ó 
                                      Museo Don Antonio Fraguas, o seu primeiro 
                                      director e segundo presidente do Patronato. 
                                      Tamén prestaron inicialmente o seu 
                                      apoio, que nalgúns casos continuou, 
                                      Ramón Piñeiro, Domingo García 
                                      Sabell, Xesús Taboada Chivite, Xosé 
                                      María Álvarez Blázquez, 
                                      Antonio Rodríguez Fraiz e outros. 
                                      Menos Isaac Díaz Pardo, actual presidente, 
                                      Francisco Fernández del Riego, Avelino 
                                      Pousa Antelo e Xerardo Fernández 
                                      Albor, tódolos demais morreron xa, 
                                      e coido de xustiza lembralos aquí 
                                      e afirmar que é a eles a quen mellor 
                                      corresponde o título de bos e xenerosos, 
                                      así como a outros que, con menos 
                                      idade, tamén nos deixaron como Xosé 
                                      Manuel Gómez Vilasó, autor 
                                      do noso emblema, ou máis recentemente 
                                      Rafael Baltar, persoa clave na xénese 
                                      e posta en marcha da iniciativa. Por 
                                      suposto tamén entramos os que daquela 
                                      eramos novos, incluída unha nutrida 
                                      representación do Colexio de Arquitectos, 
                                      primeiro motor do proxecto. Xaquín 
                                      Lourenzo e Antonio Fraguas foron os nosos 
                                      mestres maiores. Eles aportaban o seu maxisterio 
                                      e, sobre todo, o espírito de servicio 
                                      desinteresado a Galicia. Mais, como xa dixen 
                                      noutra ocasión nesta mesma sala, 
                                      non abondaba só co proxecto. Cumpría 
                                      dispor duns locais acaídos. Por fortuna, 
                                      a nosa iniciativa foi ben acollida polo 
                                      Concello de Santiago, que nunha xenerosa 
                                      cesión de uso confiounos o convento 
                                      de San Domingos e a súa horta para 
                                      acoller o futuro Museo. Nesta cesión 
                                      tivo un especial protagonismo D. Francisco 
                                      Puy Muñoz, daquela concelleiro de 
                                      cultura. Cando 
                                      entramos por primeira vez aquí, o 
                                      edificio estaba en pésimas condicións 
                                      de conservación e ademais era un 
                                      totum revolutum de usos do máis variopinto: 
                                      dende un pequeno museo municipal no primeiro 
                                      andar do lado oeste ás aulas do PPO 
                                      adicadas ó ensino da albanelería 
                                      nos baixos do lado norte pasando polo parque 
                                      de bombeiros ou a sala de ensaios da banda 
                                      de música. Moitas dependencias estaban 
                                      cheas de entullos, as cobertas non cobrían, 
                                      fiestras e portas apodrecían e as 
                                      vellas trabes de madeira pedían a 
                                      berros a súa urxente xubilación. 
                                      Só os grosos muros de mampostería 
                                      e a nobre sillería tallada de Domingos 
                                      de Andrade resistían ben ó 
                                      paso dos séculos e das húmidas 
                                      invernías de Compostela. Cecais 
                                      o espírito mendicante dos dominicos 
                                      alentaba aínda entre estes muros 
                                      e reencarnou en nós. En todo caso 
                                      fomos teimudos, e seguimos a selo, en chamar 
                                      a tódalas portas, públicas 
                                      e privadas, opulentas e modestas, de dereitas 
                                      ou de esquerdas, para pedir cartos, pezas, 
                                      coñecementos e colaboración. 
                                      E o balance das respostas, aínda 
                                      que quen pide ás veces non fica plenamente 
                                      satisfeito co que lle dan, está á 
                                      vista. Paseniñamente fomos arranxando 
                                      o edificio e montando salas e servicios, 
                                      dende aquelas primeiras que inaugurou o 
                                      ministro de Cultura Pío Cabanillas 
                                      o 29 de outubro de 1977. Paseniñamente 
                                      fomos devolvendo á sociedade en forma 
                                      de Museo o que a sociedade nos daba en forma 
                                      de axudas que cremos ter administrado con 
                                      rigor e honestidade. E 
                                      isto foi posible porque, como dixen, dende 
                                      o principio quixemos crear unha entidade 
                                      aberta a todos, centrada na afirmación 
                                      e preservación da identidade colectiva 
                                      dos galegos, mais alonxada de sectarismos 
                                      e de instrumentacións partidarias. 
                                      O noso Patronato é probablemente, 
                                      pola súa composición, o máis 
                                      representativo de tódalas entidades 
                                      análogas xurdidas da sociedade civil 
                                      galega, tanto no institucional como no social 
                                      e no ideolóxico, pois nel están 
                                      presentes o Parlamento e a Xunta de Galicia, 
                                      as catro Deputacións, as tres Universidades, 
                                      colexios profesionais, as maiores fundacións 
                                      privadas e numerosos museos do país. 
                                      E entre os seus patronos e socios hai xentes 
                                      de toda condición, profesión 
                                      ou adscrición partidaria. Este é 
                                      o noso maior orgullo: demostrar, aínda 
                                      que sexa a unha escala moi modesta, que 
                                      é posible unir a todos arredor do 
                                      que todos sentimos como propio, que é 
                                      posible facer un país. Mais 
                                      non hai país sen identidade. E non 
                                      hai identidade sen memoria. Nós tivemos 
                                      a sorte de iniciar a nosa andadura a carón 
                                      dun dos maiores lugares da memoria de Galicia: 
                                      a igrexa de San Domingos de Bonaval, que 
                                      garda os soportes materiais que contribúen 
                                      a manter viva a lembranza dalgúns 
                                      dos grandes constructores da nosa identidade 
                                      e nomeadamente os de Rosalía, Alfredo 
                                      Brañas e Alfonso Castelao. Ogallá 
                                      algún día os poderes públicos 
                                      decidan culminar o empezado polos rexionalistas 
                                      en 1891 e acaben facendo un auténtico 
                                      Panteón de Galegos Ilustres coa dignidade 
                                      que os presentes e os ausentes en San Domingos 
                                      merecen. Pero 
                                      o Museo intenta contribuír á 
                                      construcción da nosa identidade por 
                                      ese outro lado, non menos necesario, que 
                                      consiste en reconstruír e manter 
                                      viva a memoria, non dos persoeiros, senón 
                                      do anónimo pobo traballador, que 
                                      foi e segue a ser a maior parte do pobo. 
                                      E nese labor aínda nos queda moito 
                                      por facer. Por 
                                      iso non debemos aceptar este premio como 
                                      unha invitación ó descanso 
                                      polo conseguido senón como un aguillón 
                                      para continuar procurando o que resta por 
                                      conseguir. Ben é certo que os que 
                                      iniciamos isto xa empezamos a ir vellos 
                                      e non temos nin con moito as enerxías 
                                      de antano. Por iso o noso maior reto agora 
                                      é asegurar o relevo xeracional dentro 
                                      do Patronato e do Museo para que a obra 
                                      non morra con nós. Ogallá 
                                      saibamos facelo en orde e harmonía, 
                                      cousa que polo visto non é doada. E 
                                      ese pode ser o mellor efecto desta distinción 
                                      que nos dades, por riba do inevitable afago 
                                      á nosa humana vaidade: dar a coñecer 
                                      o Museo, difundir del unha imaxe positiva 
                                      que atraia a quen, máis cedo que 
                                      tarde, deberán substituirnos. Moitas 
                                      gracias. 
                                        |