| Gustaríame 
                                      atopar unha cita, unha frase, unha expresión 
                                      imaxinativa que me permitise resumir na 
                                      estrita brevidade que me pediron a historia 
                                      da relación do Museo do Pobo Galego 
                                      cos medios de comunicación con referencia 
                                      sobre todo aos primeiros tempos deste proxecto 
                                      que hoxe homenaxea a AELG. Trátase 
                                      de evocar unha realidade moi diferente á 
                                      actual, unha época na que o número 
                                      de medios e xornalistas en Compostela era 
                                      moito menor có actual. Un tempo no 
                                      que mesmo a poboación da cidade era 
                                      sensiblemente inferior e no que a relación 
                                      persoal podía marcar en maior medida 
                                      a comunicación. Debo 
                                      dicir que non tiven trato co primeiro presidente 
                                      do museo, con Xaquín Lorenzo Xocas, 
                                      e que mesmo debín coincidir con el 
                                      en moi contadas ocasións. Pero ese 
                                      non é o caso de Antonio Fraguas, 
                                      con quen falei en infinidade de circunstancias 
                                      para recibir as máis diversas informacións 
                                      sobre tantos temas de xeografía, 
                                      historia, etnografía... que me permitían 
                                      contextualizar debidamente informacións 
                                      e reportaxes. A coincidencia de que a delegación 
                                      de La Voz estivese durante un tempo moi 
                                      preto da súa casa na rúa Montero 
                                      Ríos incrementou aínda as 
                                      ocasións para eses contactos tan 
                                      enriquecedores para min. Falo 
                                      por min, pero penso que se trata dunha experiencia 
                                      compartida con moitos compañeiros 
                                      de profesión. A proximidade que sentíamos 
                                      por un proxecto lanzado por xente moi diversa 
                                      á que unía un entusiasmo contaxioso, 
                                      e a accesibilidade da maioría dos 
                                      sucesivos patróns desta entidade 
                                      entre os que penso que poido dicir que conto 
                                      con vellos amigos, facilitaron non poucas 
                                      veces que aparecesen informacións 
                                      e que fosen tratadas con cariño. Naturalmente, 
                                      se falo desas relacións non poido 
                                      esquecer a Carlos García Martínez 
                                      e a María Xosé Fernández 
                                      Cerviño, rapazolos aínda, 
                                      que a diario atopabamos cruzando a cidade 
                                      vella mentres os xornalistas andabamos a 
                                      facer o que chamabamos o “pateo”, 
                                      un percorrido diario á procura das 
                                      novas. Non, non teño unha frase xenial para 
                                      resumir isto. Pero como a cousa vai un algo 
                                      de historia e un pouco de museo, un tanto 
                                      da actualidade e outro do que permanece, 
                                      quizais o máis axeitado sexa botar 
                                      man dunha expresión popular para 
                                      rematar dicindo: ¡Hai que ver como 
                                      pasa o tempo!
 
 |