| Obrigado 
                                      é que estas miñas primeiras 
                                      palabras sexan de gratitude para a Asociación 
                                      de Escritores en Lingua Galega por ter concedido 
                                      a distinción de “Os bos e xenerosos” 
                                      ao colectivo que é o Museo do Pobo 
                                      Galego, no que figuraron e figuran tamén 
                                      relevantes escritores. Agradecer 
                                      este recoñecemento público 
                                      e corresponder a el, como é propio 
                                      da gratitude. Neste punto ben sabe a Asociación 
                                      que esta que nos acolle é tamén 
                                      a súa casa. Para 
                                      min este agradecemento ten especiais connotacións, 
                                      por canto aquí iniciou a súa 
                                      andadura a Asociación, e na mesma 
                                      tiven a honra de participar. Lembro naquelas 
                                      precarias instalacións as primeiras 
                                      xuntanzas que deron paso á súa 
                                      constitución formal en maio de 1980. 
                                      Só tres anos despois da inauguración 
                                      deste Museo. Tensas en moitas ocasións, 
                                      pero abertas e lúcidas. O máis 
                                      escolleito dos nosos creadores, os consagrados 
                                      de par dos neófitos, hoxe moitos 
                                      deles magníficos escritores, en fraternal 
                                      asemblea. No fondo e sempre como referencia, 
                                      o papel do escritor na construción 
                                      nacional do país. Hai 
                                      entre as dúas institucións 
                                      certo paralelismo. Ámbalas dúas 
                                      naceron como froito de iniciativas da sociedade 
                                      civil. Ámbalas dúas nordearon 
                                      a súa existencia á defensa 
                                      de Galiza, asumindo o compromiso coa súa 
                                      realidade, mantendo unha presenza activa 
                                      no proceso de normalización cultural 
                                      e cunha aposta decidida pola validez da 
                                      lingua para expresar todos os contidos desa 
                                      cultura. Parabéns, 
                                      pois, por celebrar a esta altura do camiño 
                                      este acto de irmandade. Na 
                                      mañá outonal e soleada do 
                                      28 de outubro de 1977 abríanse as 
                                      primeiras salas do Museo. Foi, certamente, 
                                      un día de satisfacción para 
                                      todos os que concorremos a impulsar a institución, 
                                      e moi singularmente para aqueles que militaran 
                                      nas filas do vello Seminario de Estudos 
                                      Galegos que, xunto co seu transcendente 
                                      labor científico e cultural, formara 
                                      un museo etnográfico no que tanto 
                                      se tiñan significado Xaquín 
                                      Lorenzo e Antonio Fraguas, gonfaloneiros 
                                      agora do novo museo. Pero 
                                      para algúns aquela grata xornada 
                                      foi tamén de preocupación, 
                                      polo compromiso e a responsabilidade que 
                                      defrontaba a empresa. O proxecto agromara; 
                                      había a tal hora que alicerzalo e 
                                      desenvolvelo de acordo coas liñas 
                                      programáticas que o padroado reitor 
                                      do centro entendeu que habían definilo. A 
                                      dimensión do reto era evidente. Mais 
                                      aquí o paradigma do Seminario de 
                                      Estudos Galegos valeu de eficaz estímulo. 
                                      Partiamos abeirados polo seu exemplo, que 
                                      se facía presente a cotío 
                                      no consello e no traballo que compartiamos, 
                                      cóbado con cóbado, cos superviventes 
                                      daquela histórica institución. Creo 
                                      que foi o espírito do Seminario o 
                                      que transmitiu os azos para arrastrar as 
                                      dificultades e atrancos, non poucas unhas 
                                      e abondosos os outros, que demarcaron o 
                                      percorrido do Museo. En 
                                      1930 o SEG presentaba o seu museo etnográfico, 
                                      instalado no Salón Artesoado do pazo 
                                      de Fonseca, onde tiña a súa 
                                      sede. Aquel 
                                      incipiente museo foi todo un referente. 
                                      Como se auguraba polo Nós, había 
                                      ser “a máis firme e significativa 
                                      executoria da persoalidade de Galiza; un 
                                      moimento eterno ao pobo galego como criador 
                                      e como traballador”. E así 
                                      sería sen a catástrofe da 
                                      guerra. Case cen anos mediaban entre as 
                                      primeiras tentativas vencelladas ao proceso 
                                      de recuperación cultural da identidade 
                                      común, para a creación dun 
                                      centro que recollese a nosa historia e cultura 
                                      tradicional, e a realidade humilde, pero 
                                      tanxible, do museo etnográfico de 
                                      Fonseca. Atrás quedaban ideas e propósitos 
                                      que foron desabregando o camiño dun 
                                      acariñado proxecto que se incluía 
                                      nas formulacións rexionalistas primeiro 
                                      e nacionalistas despois. Unha 
                                      institución deste tipo entendíase 
                                      necesaria para afirmar a consciencia de 
                                      comunidade a través da historia, 
                                      dos costumes, das formas de traballo, da 
                                      arquitectura, dos usos xurídicos, 
                                      das crenzas que, en suma, configuraban unha 
                                      entidade colectiva específica e diferenciada. O 
                                      discurso sobor do seu rol como medio de 
                                      reivindicación é unha das 
                                      cernas dos textos seminais da historiografía 
                                      da segunda metade do século XIX e 
                                      que se resume de forma concluínte 
                                      no aserto de Murguía: “querendo 
                                      levantar un pobo, preciso era que se coñecera 
                                      ben e pronto. A isto dirixíronse 
                                      todos os esforzos”. Varias 
                                      foron dende 1858 as ideas, iniciativas, 
                                      tentativas e nomes empeñados na tarefa. 
                                      Non obstante, agás a do Seminario, 
                                      ningunha destas rematou na tan desexada 
                                      creación dun centro museístico 
                                      deste tipo. Pasada 
                                      a guerra, de novo aparecen chamadas de atención 
                                      sobor da perda da cultura propia e as invitacións 
                                      a recoller os seus elementos máis 
                                      significativos. Non 
                                      obstante de todas estas experiencias históricas 
                                      que tiñan por obxecto o coñecemento, 
                                      estudo e preservación do patrimonio 
                                      cultural de Galiza, debíanse tirar 
                                      ensinanzas, e así o expresaba o Padroado 
                                      do Museo do Pobo Galego facendo referencia 
                                      explícita ao espírito do Seminario 
                                      de Estudos Galegos como primeira acción 
                                      de amplo alcance e claro exemplo neste sentido. Paseniñamente, 
                                      con perseveranza, foise dando forma a unha 
                                      institución que emerxía pola 
                                      forza da demanda intelectual, reiteradamente 
                                      expresada, como queda dito, desde os momentos 
                                      inaugurais do galeguismo. Nos impulsores 
                                      estaba moi presente, e así se di 
                                      no chamamento que se fai á sociedade 
                                      galega en decembro de 1975, a situación 
                                      crítica que estaban a vivir as culturas 
                                      tradicionais. “É innecesario 
                                      subliñar – afirmábase 
                                      – a extraordinaria riqueza do país 
                                      galego en todos os seus eidos culturais, 
                                      así como a aceleración crecente 
                                      do proceso de cambio económico, social 
                                      e mais ideolóxico que anda a facerse 
                                      nos últimos anos e que provoca o 
                                      estrago ou a fonda transformación 
                                      dos riscos fundamentais desa cultura que, 
                                      de non recollerse axiña, perderase 
                                      sen remedio”.Consecuentemente, o Museo comezaba o seu 
                                      camiño cuns obxectivos moi definidos, 
                                      marcados pola investigación, estudo, 
                                      difusión, conservación, defensa 
                                      e promoción da nosa tradición 
                                      cultural, que confería ao pasado 
                                      unha autoridade transcendente e parte funcionalmente 
                                      necesaria da sociedade. Debería ser 
                                      unha entidade que superase o ámbito 
                                      museolóxico tradicional, que estudase 
                                      aquela tradición cultural, que a 
                                      divulgase, e igualmente debería salvar 
                                      aqueles aspectos éticos, sociais 
                                      e materiais que non impedisen a dinámica 
                                      cultural, senón que, pola contra, 
                                      a enriquecerse.
 Para 
                                      o cumprimento destes propósitos era 
                                      primordial a presenza e implantación 
                                      na sociedade. Precisábase da comprensión, 
                                      do esteo e da participación popular, 
                                      ou non se acadaría o núcleo 
                                      máis definidor e esencial da obra. 
                                      En suma, precisábase da forza do 
                                      recoñecemento social. Eis, 
                                      posiblemente, un dos desafíos capitais 
                                      a resolver. Os 
                                      presupostos devanditos apuntaban cara á 
                                      creación dun museo da identidade, 
                                      un lugar da memoria co cometido de conservala, 
                                      pero tamén de transmitila. E para 
                                      isto é preciso procurar que os receptores 
                                      o asuman como un dos espazos depositarios 
                                      desa memoria colectiva e, como tal, apropiado 
                                      para a súa construción e transmisión 
                                      social. Este 
                                      é o empeño fundamental que, 
                                      pouco a pouco, hai que ir alcanzando. Xunto 
                                      á preocupación polo cumprimento 
                                      dos seus fins de investigar, conservar, 
                                      divulgar, defender e promover a cultura 
                                      galega en todos os seus ámbitos, 
                                      a acción social é para o Museo 
                                      do Pobo Galego obxectivo prioritario. Case 
                                      trinta anos é tempo abondo, mesmo 
                                      na vida das institucións, para podermos 
                                      reflexionar sobor da laboría feita 
                                      e tamén para enxergar o seu porvir 
                                      inmediato. A traxectoria até hoxe 
                                      é só un treito do camiño, 
                                      significativo se se quere, mais a súa 
                                      análise con ollada crítica 
                                      desvela tamén eivas evidentes que 
                                      hai que corrixir e aspectos a ampliar e 
                                      cubrir. Ao cabo, experiencia a ter en conta 
                                      para o mañá e que valerá 
                                      para achegármonos aos fins fundacionais 
                                      dos que non se ten abdicado nesta singradura, 
                                      como tampouco da liberdade e independencia 
                                      da institución. Queda 
                                      moito traxecto para dar cimo ao ideario 
                                      tracexado en 1976, que certamente non poderá 
                                      abranguerse se non se acomete a empresa 
                                      como unha tarefa colectiva ao servizo dun 
                                      pobo e dunha cultura. Pero, 
                                      a máis, as formulacións que 
                                      dun tempo a esta parte se están a 
                                      xerar nos eidos da antropoloxía, 
                                      da historia ou da museística aportan 
                                      interesantes perspectivas verbo da problemática 
                                      das identidades, da construción social 
                                      da memoria, da patrimonialización 
                                      das herdanzas culturais que fan abrollar 
                                      especiais funcións nos museos. Novas 
                                      concepcións metodolóxicas 
                                      e novos valores instrumentais poden permitirlles 
                                      afondar nun discurso lícito para 
                                      facer unha arma crítica do patrimonio 
                                      e da valorización da diversidade 
                                      cultural fronte aos impactos do marco globalizador 
                                      e homoxeneizador que singulariza este noso 
                                      tempo. Os 
                                      museos, como institucións integradas 
                                      nas sociedades en que asentan e polo patrimonio 
                                      que preservan, estudan e comunican, entendido 
                                      este como conxunto de elementos culturais 
                                      materiais e inmateriais, e como depositarios 
                                      da memoria histórica e da tradición, 
                                      son axentes apropiados para crearen as adecuadas 
                                      referencias simbólicas de cara á 
                                      compenetración das comunidades con 
                                      aquelas e axudar así á normalización 
                                      cultural en países que precisan consolidar 
                                      a súa conciencia social identitaria. 
                                      E todo isto hai que telo moi presente nos 
                                      lugares da memoria que son, en definitiva, 
                                      os museos de sociedade. Este, 
                                      como outros máis en Galiza, debe 
                                      contribuír co seu labor a que a comunidade 
                                      asuma conscientemente a súa memoria 
                                      histórica e a súa tradición 
                                      cultural. Ten que promover a especificidade 
                                      que nos caracteriza como nós, axudando 
                                      a crear a necesaria identificación 
                                      dos galegos coa súa personalidade 
                                      colectiva e, ao tempo, mostrar esta para 
                                      que sexa recoñecida polos outros, 
                                      alentando a convivencia do propio co alleo, 
                                      reflectindo así a diversidade cultural 
                                      e tendo moi presente que a identidade non 
                                      é unha “esencia inmutable”, 
                                      senón unha construción social, 
                                      un proceso de redefinicións continuas 
                                      no cadro das respostas ao diálogo 
                                      entre o nós e o 
                                      outro. E, 
                                      xa voltando ao comezo, certo é que 
                                      nos anos transcorridos superáronse 
                                      alguns dos retos que nos desacougaban. Outros 
                                      continúan e outros máis viñeron 
                                      agregarse. Uns, e non poucos, creados pola 
                                      propia dinámica interna, aos que 
                                      hai que engadir os procedentes do revisado 
                                      eido da museoloxía, como os problemas 
                                      que a patrimonialización entraña, 
                                      os riscos dunha museificación magnificada, 
                                      os mitos da autenticidade e a pureza, etcétera. 
                                      Pero tamén os que se derivan da demanda 
                                      da sociedade na que se insire no que atinxe 
                                      ao papel que debe desenvolver nos tempos 
                                      de cambio nos que estamos inmersos. Retos 
                                      inéditos que encarar e que precisan 
                                      dun anovamento dos azos que compartimos 
                                      ate agora con egrexios mestres e compatróns 
                                      xa ausentes e de saudosa lembranza para 
                                      proseguirmos na laboría iniciada 
                                      de configurar un espazo que albergue a memoria 
                                      do pasado, pero tamén un lugar que 
                                      axude a construír unha memoria de 
                                      acción. Remato 
                                      xa, e permitídeme que o faga parafraseando 
                                      uns versos, resposta dun poeta consagrado 
                                      a un xove poeta, de Constantin Kavafis, 
                                      quen resoou con forza nos anos setenta, 
                                      cando esta institución iniciaba con 
                                      ardido paso a súa particular viaxe: Feliz 
                                      e orgulloso deberas sentirtede estar no primeiro chanzo.
 Ter chegado até aí
 non é ningún pequeno logro.
 
 |