| Autoridades, 
                                      miñas donas, meus señores: A 
                                      Asociación de Escritores en Lingua 
                                      Galega quere facer entrega hoxe ao Museo 
                                      do Pobo galego, da distinción de 
                                      Bo e Xeneroso. Neste verso do noso himno 
                                      está acrisolado o ser dos fundadores 
                                      de noso, que di dos que aman ao noso pobo, 
                                      ao que de máis verdadeiro nos constitúe. 
                                       Entregámoslla 
                                      porque é depositario dos valores 
                                      fundacionais da nosa dignidade nacional, 
                                      coa súa insubornable galeguidade, 
                                      coa súa presenza sempre activa no 
                                      proceso de normalización da nosa 
                                      cultura e de reconstrucción da nosa 
                                      conciencia nacional.  Entregámoslla 
                                      porque o seu traballo se basea no labor 
                                      colectivo e interdisciplinar asentado na 
                                      conciencia de noso como pobo, porque somos 
                                      inmorrente memoria.
 Quixemos premiar ao museo do pobo galego, 
                                      como institución e tamén aos 
                                      diversos padroados e aos homes e mulleres 
                                      que como traballadores ou socios fixeron 
                                      posíbel esta fértil realidade, 
                                      do que só era un soño .
 Quixemos 
                                      ademais reivindicar no Museo do Pobo Galego 
                                      un proxecto colectivo exemplar, os seus 
                                      contidos que son o que de máis fermoso 
                                      e eterno ten a nosa patria, o que de máis 
                                      fermoso construíron, amantiñas, 
                                      as mans do noso pobo. Queremos 
                                      celebrar os froitos dun proxecto en man 
                                      común, herdeiro daqueloutros proxectos 
                                      que no pasado puxeron os alicerces desta 
                                      casa comunal da nosa cultura e que un mal 
                                      vento crebou nel as gaias máis frondosas. 
                                       Mais 
                                      as palabras herdadas, sempre en galego, 
                                      sempre na Galiza puxeron a estrela de Rosalía 
                                      no horizonte e fixeron transparente o camiño 
                                      dun grupo de bos e xenerosos, e atravesaron 
                                      ceos de chumbo. Eles e moitos de noso lembramos 
                                      hoxe nas persoas de don Xaquín Lourenzo 
                                      e don Antonio Fraguas.  Camiñaron 
                                      levando o fardel dos nosos avós e 
                                      dos avós dos nosos avós os 
                                      que deixaron en nós o mandato de 
                                      recontruír o fogar desfeito que nos 
                                      dixera doridamente esperanzado Castelao 
                                      no seu álbum Nós, sobre radiantes 
                                      fragmentos cheos de luz ferida, naquela 
                                      noite de longura infinita.  Mais 
                                      latexaba nela un ventiño do mar, 
                                      que era canción popular, e este grupo 
                                      de homes e mulleres, nela cinguiron a palabra 
                                      e fixérona cotovía. E o humus 
                                      fértil da terra alimentou a palabra 
                                      e este proxecto que celebramos hoxe, e as 
                                      ponlas da árbore con seiva nova volveron 
                                      a florir, e a chuvia tremeu os seus espellos 
                                      na mañá dos eidos natais. No 
                                      que significa este Museo, sentímonos 
                                      hoxe reflectidos todos: un museo da cultura 
                                      de noso, a que construíron mans labregas, 
                                      mariñeiras, artesáns dos máis 
                                      diversos oficios : cesteiros, tecedeiras, 
                                      oleiros, zoqueiros, panadeiras, albardeiros, 
                                      ferradores, leiteiras, pedreiros, ceifeiras, 
                                      canteiros, cabaqueiros.  Os 
                                      oficios e os seus materiais que podemos 
                                      ollar nas salas do museo son a vida solermiña, 
                                      son portadores da nosa memoria e están 
                                      a transmitir unha e outra vez as nosas coordenadas 
                                      existenciais, os referentes da nosa identidade. 
                                       O 
                                      non dito, o non nomeado aínda, xace 
                                      nos oficios labourando unha xeración 
                                      tras outra e aquí, hoxe, abre as 
                                      fontes dunha profunda conciencia. Lémbrannos 
                                      que os galegos amamos a terra, a que latexa 
                                      nos ciclos estacionais, que coa cor da fariña 
                                      miña tinta o noso, o solpor dos ceos 
                                      outonais. Dúas 
                                      son as almas dunha soa Galiza recollidas 
                                      no logotipo do museo do pobo galego simbolizadas 
                                      na roda do carro e na dorna. Estes símbolos 
                                      son como seres que en traballos milenarios 
                                      gardáronnos e no arredor deles sostiveron 
                                      a nosa fala contra do silencio. Nas 
                                      rodaduras do carro lemos a hora máis 
                                      antiga, pois a roda do carro fire o rostro 
                                      da terra e entón xermola o tempo 
                                      máis novo e faise outro tempo e faise 
                                      outra a luz, cando a terra é húmido 
                                      claustro sementado polas nosas palabras, 
                                      pola nosa fala. Na eternidade da pedra efémera 
                                      no seu abalar esculpimos o presente. Á 
                                      sombra do leme da dorna trazamos na area 
                                      o rostro do perecedoiro que a branca escuma 
                                      leva. As barcas de ribeira abren vieiros 
                                      de poeirenta prata no espello do solpor 
                                      e coa súa voz ou brisa que lenemente 
                                      cala na mañá de claridade 
                                      aínda adormecida. Na 
                                      dorna convocamos ao grande río que 
                                      se alimenta das augas tintadas minerais 
                                      do Sil e o Miño vagaroso e dos mil 
                                      ríos cunqueiráns que como 
                                      veas alimentan o noso ser. E 
                                      no Museo do Pobo Galego, a dorna vén 
                                      a nós atravesando a historia, e coa 
                                      mirada máis nova ollamos o máis 
                                      antigo entardecer que aquí avivece 
                                      e regresamos a nós para beber no 
                                      manancial da nosa identidade. Os 
                                      galegos somos un pobo que humanizou a natureza 
                                      e ao humanizar a terra, en palabras de don 
                                      Ramón Otero Pedraio “o noso 
                                      chan esta cuberto dun humus human que non 
                                      deixa aflorar un so anaco de rocha estrano 
                                      a nos” e engade “ cada pobo 
                                      debe escoitar escuramente nos infinitos 
                                      orelas da alma colectiva, claramente determinada 
                                      nas palabras dos poetas creadores, isa promesa 
                                      deitada polo señor. Unha voz moitas 
                                      veces oscurecida aldraxada no nome de falseiros 
                                      cosmopolitismos.”  As 
                                      súas palabras poñen ao escritor 
                                      como figura central capaz de ler e interpretar 
                                      o ser colectivo do seu pobo, e lévanme 
                                      ao poeta neohelénico Palamás 
                                      que alimentou coa cultura popular ao pobo 
                                      grego recén nado como nación 
                                      e necesitado dunha nova luz, necesitado 
                                      de dar entrada a séculos de cultura 
                                      popular e de reinterpretar os ríxidos 
                                      canons da súa mitoloxía clásica, 
                                      así os escritores e poetas galegos, 
                                      sempre a dar a voz na escrita á nosa 
                                      cultura popular, e así facela cultura 
                                      viva: a que fai xermolar a luz que somos, 
                                      a que fai as necesarias relecturas das nosas 
                                      fontes para seguir a chantar os alicerces 
                                      dun edificio sempre novo sobre as pedras 
                                      basilares da nosa cultura popular. O 
                                      poeta Antón Avilés de Taramancos 
                                      fálanos da verdadeira arte popular 
                                      de facer un zoco para o delicado pé 
                                      do mariñeiro, frente á arte 
                                      unidimensional. Escoitamos de novo a cantar 
                                      na chaira luguesa o carro, no poema de Manuel 
                                      María, ou en Uxío Novoneira 
                                      onde a cultura popular asolaga a cerna dos 
                                      seus poemas e olla no seu interior, volve 
                                      os ollos cara á vida do noso país 
                                      cun novo ollar.  Por 
                                      todos eles recoñecémonos na 
                                      nosa cultura popular, cando non nos era 
                                      permitido coñecérmonos na 
                                      nosa historia. Non sempre nos deixaron escreber 
                                      a nosa historia, mais o noso pobo, no día 
                                      a día insculpiu na pel da terra, 
                                      no seu rostro milenario, a nosa biografía 
                                      colectiva.  Nas 
                                      salas deste museo está a nosa biografía 
                                      colectiva, nelas escoitamos ao silencio 
                                      das xentes de noso que soñaron vida 
                                      e deron nacemento, e imos onde foi a súa 
                                      vida e sóñannos eles en secreto 
                                      e nós soñamos cos menceres 
                                      que como doce dardo crava en nós 
                                      a luz e nos acariña.  Nas 
                                      salas deste museo mostrámonos na 
                                      hora máis antiga, reivindicámonos, 
                                      amamos a nosa patria, a que nos dá 
                                      da súa man os froitos e as amoras, 
                                      a que na grave penedía insculpe a 
                                      hora máis lonxincua. Neste 
                                      lugar, Tres son as escaleiras de Domingo 
                                      de Andrade que cicais son metáfora 
                                      do noso humano devir, onde sempre hai unha 
                                      escaleira que nos leva a unha porta que 
                                      se abre. O Museo do Pobo galego abríunola 
                                      e por ela entramos a fundar esta Asociación 
                                      de Escritores en Lingua Galega e este foi 
                                      o noso local social ao longo de vintecinco 
                                      anos. O Museo do Pobo Galego acolleunos 
                                      e acóllenos ano tras ano nas nosas 
                                      asambleas porque segue a ser a casa comunal 
                                      onde escoitamos a chuva que manseniña 
                                      modela a pedra e a árbore e no claustro 
                                      é cántico sagrado. Xove 
                                      poeta, hai trinta anos, cando outonal o 
                                      lameiro no sulco se desangra, escoitaba 
                                      eu na rúa da Paz de Ourense a don 
                                      Ramón Otero Pedraio, a falar da Galiza 
                                      como a nosa terra prometida. As súas 
                                      palabras de mestre entraron en min para 
                                      sempre, como a semente que na terra dorme 
                                      cando o bosco soña. Din así 
                                      “ Soio se pode chegar a ser universal, 
                                      é decir, triunfador do tempo facéndose 
                                      donos da terra da redención, pra 
                                      que nela poda nacer a palabra da verdade. 
                                      Cando Galiza sexa dona do seu espírito 
                                      será escoitada e outra volta será 
                                      o fogar onde acudan os camiños infindos 
                                      da terra e do mar.” No fogar que é 
                                      o Museo do Pobo Galego celebramos hoxe os 
                                      camiños que nos levan ao futuro da 
                                      Galiza. 
                                        |