Bos
días. Hoxe, nesta casa simbólica
que representa para nós o Museo do
Pobo Galego, reunímonos con enorme
ledicia colectiva para a celebración
da 1ª homenaxe "Os bos e xenerosos",
na honra de D. Avelino Pousa Antelo; mais,
dadas as circunstancias que nos impón
cruelmente a vida, non podemos comezar este
acto sen acoller, tan sequera por un intre,
a lembranza fonda e sincera que nos inspira
o compañeiro e mestre Manuel María,
persoa inesquecíbel para a Asociación
de Escritores en Lingua Galega e, seguramente,
para todo o público deste auditorio.
Por el, con todo o respecto e agarimo, prégovos
que gardemos un minuto de humilde silencio.
Mais,
a pesar da emoción que sentimos polo
falecemento do grande poeta da Terra Chá,
hoxe intentaremos que resulte un día
de festa; porque estamos xuntos en boa compaña
e na presenza dun deses galegos que merecen,
sen discusión posíbel, o título
de bo e xeneroso, premio que se cadra aínda
non leva aparellado medalla nin louvanza
por parte das autoridades políticas
deste país, pero que si trae consigo
o fulgor da memoria galeguista, do compromiso
cos labregos, do entusiasmo no traballo
a prol dun ideal comunitario que se constrúe
día a día e contra as sombras
da ignorancia, e que chamamos Galiza, desde
o lugar de Seoane, na parroquia de San Xoán
da Barcala, ata San Domingos de Bonaval,
en Santiago de Compostela.
Por
suposto, hoxe recoñecemos a un escritor,
a un home que sementou nas máis diversas
publicacións xornalísticas
e en múltiples ensaios todo os seus
saberes como intelectual; mais, sobre todo,
homenaxeamos a un humanista pragmático
comprometido co seu país; deste xeito,
recoñecemos tamén ao Lucho
de Peto, mestre entusiasta que dunha granxa-escola
fixo unha horta vizosa onde medraron as
pólas da cultura verdadeira, que
é aquela que bota raíces profundas
na Terra; e eu, que non o vivín,
gosto agora de imaxinar a un home paciente
ensinarlle aos pícaros como se fai
un enxerto nas froiteiras, ou a un señor
de pícaro sorriso dándolle
voz aos "Argalleiros de Barreiros".
E,
por último, gosto de imaxinar ao
mozo Lucho de Peto o día dez de maio
de 1931, no Teatro Principal de Santiago,
asistindo a un mítin de Álvaro
de las Casas, de Antón Vilar Ponte,
de Valentín Paz Andrade e de Afonso
Rodríguez Castelao. Un mozo impresionado
que saiu á rúa convertido
para sempre ao nacionalismo galego, logo
de escoitar palabras emocionadas, vivas,
esperanzadas; palabras que orientaron con
magnífico rumbo un proxecto pedagóxico
semellante ao que o nacionalismo pregoaba
xa no ano 1917, cunha definición,
por parte de Xoán Vicente Viqueira,
dos obxectivos que debería cumprir
unha auténtica escola galega, obxectivos
que definen, case ao pé da letra,
o labor pedagóxico de Avelino Pousa
Antelo; en palabras de Viqueira:
"Quixera
eu aínda que a escola fixese máis.
Quixera ver nela o centro cultural dos campos
e das pequenas vilas. Nela deben formarse
bibliotecas, no posible circulantes, nela
deben organizarse conferenzas sobre os problemas
do momento, agrícolas e económicos.
O mestre debe ser o conselleiro en todas
aquelas cuestións dos galegos como
cidadáns, como agricultores e como
comerciantes, sen ter agora conta da influenza
que ten de exercer no sentido do refinamento
humán".
Ese
refinamento humán que se fai presente,
hoxe, aquí, no Lucho de Peto, a quen
lle agradecemos o exemplo. Moitas grazas,
saúde e terra.
|