2004

  18 de setembro
    Homenaxe "Os bos e xenerosos" a Avelino Pousa Antelo
    Laudatio (David Otero)
 

MADUREZA DUN NENO BARCALÉS, "LUCHO DO PETO" (1914-2004)

Querido Lucho do Peto (Avelino Pousa Antelo):

Velaí que hoxe compartimos unha ocasión de ser felices. Neste fulgor animoso de mediodía por setembro. Tecendo sentimentos. Recoñecendo. Neste espacio de andar primoroso que é Galiza. No pobo do galego. En respiro comunal. Nesa esperanza. Contigo.

¡ Velaí que hoxe compartimos unha ocasión de ser felices!

Afortecendo desexos para que se abran máis camiños. Con voz
enteira. A nosa voz. Afirmando fidelidade. Con acentos de intensidade compartida. A punto de caramelo. Sen tempos mortos. No significado do colectivo. Motivando convivencia. En canto de tripulación. De intuición en intuición. Neste día que celebrar. Contigo.
E así permíteme Avelino agora ....... que me pare para pensar nesta pausa. Nesta pausa que nos escribe o posible dun desexo. Un desexo ao que se sobe sempre. Coa memoria. Coa que ten forzas para levarnos a calquera lugar que precisemos. Nesta pausa. Para o recordo.

¿ Velos contigo Avelino ?

Velos aí.... a Nora, a Mario....... Mira ben ......

Velos aí tamén entre nós...... a Castelao, a Bóveda, a Anxel Casal, a Ramón Martínez López, a Modesto Figueiredo, a Octavio Sanmartín, a Xocas, a Manuel Beiras, a Antón Fráguas, a Daría....., a Xoaquina Trillo, a Xabier Pousa ............. ¿ Velos?
E mira ti ben ..... ¿ El acaso non ves tamén entre todos nós .....a Xela Arias.........., a Luisa Villalta.... a Manuel María ? Pois estanche........
E tamén outros. Presentes. Avelino. Non disculparon a asistencia. Están aquí. E coma sempre........ Pois así de aí..... entenderás esta pausa. A do posible. Ese desexo. Contigo. E tamén connosco. Avelino.

¡ Velaí que hoxe compartimos unha ocasión de ser felices!

E facémolo Avelino no magnetismo das nosas emocións que se propagan por todos os nosos corazóns. Nese albo de marabilla. Recoñecéndote. E nomeándote. Pois mal se ten conta da cabeza cando se perde o corazón e o cinismo poderíanos servir para nos protexer dos compromisos.

Pero...... ese non che é o noso caso. Xa que en nós - repito- priman os mandados dos nosos corazóns. As emocións que nos obrigan a sentimentos de ben. De aprezo. De respecto.

E fanno así....... porque ti Avelino axúdasnos a intuír como funciona o futuro. Porque mides os teus feitos nobres a través da túa conducta. A túa exemplariedade é solvente. E así vas....... ¡MÁIS ALÁ! ( como proclamou Manuel Antonio e Cebreiro) pero facendo hoxe esta parada tan amiga de compañeiros no sucalco acariñado dos teus noventa anos.....

¡ MÁIS ALÁ AVELINO, MÁIS ALÁ....! Ti Lúcido e pensante. Subindo ao pobo do galego. Servindo....... ben antes de buscar aplauso...... innecesario.....inmerecido.

Velaí unha clave Avelino. Servir. Sen dar nada por perdido. Pois ben sabemos que os humanos somos grandes creadores de problemas. Pero tamén elaboramos solucións. E ti elaboraches unhas cantas e exerceches a túa parte de responsabilidade civil. Ti na prudencia nunca foches un inmobilista. Nin catastrofista. E colocaches a Galiza no corazón e na cabeza. Sentimento e pensamento. ¡Sempre en Galiza! Velaí os teus argumentos. Por iso nós recoñecemos hoxe e para sempre canto hai de marabilloso na túa existencia.

E segue...... Segue a escoitar as voces do teu pobo. Segue tan mestre coma sempre. A dar lección continuada. Non pares de lle botar pulsos ao que non debe ser. Non deixes de valorar o aroma do vaso que se enche. Ese proxecto de contino. Sempre ao nacente. ¡Sempre en Galiza!

E non pares de agardar por nós ...... pero andando (como dicía Alexandre Bóveda). Pois ti ben sabes que Galiza é un amor. Un apego que nos leva a nós mesmos. Unha loita porque existe. Que tamén pode perderse. Por iso segue a militar na esperanza. E faino na madureza que deveñen os teu noventa maios consolidados. Preparado para os que cheguen. Segue a facelo con achegos amorosos de lealdade á nosa Terra. Pois un ben de auga xa pasou polo río. Que un dos da " ferrocachina" pintou en ouros. E matou ao tres. E ese foches ti. Por iso nós recoñecemos canto hai de marabilloso na túa existencia.

E gostamos plenamente de ti ....Avelino Pousa. Pois asumiches fondamente a túa cidadanía no pobo do galego. E así exerces con feitos e con plenitude a percepción pública deste pobo. Nunca foches indiferente.

Sabemos que te sentíches un "derrotado" entre vencedores, pero foches valente diante da forza de tanta traxedia. O tempo non parou na túa cabeza. Pois sustentado na ilusión do teu corazón ardente, a pola liberdade, bradaches: ¡ Velaí Galiza! E coa memoria e coa Patria asumiches ser un anaco de aldeán de Barcala. Medraches na humildade do orgullo por sentilo e nesa ensoñación orientado escolleches vivir por sempre galeguista. Nacionalista. Confesado. Declarado.

O teu vivir Avelino é galego. De azul e de branco. E proxectando Galiza propuxécheste outra forma de mirar, levaches o futuro diante dos ollos e por el miras o presente . Teceches irmandade a cada hora tal como cando un pano mollado nos dá na cara e nos obriga a mirar o que padecemos. Así levas un anaco da bandeira ao vento. Construíndo dignidade. ¡Adiante! ¡Máis alá! . Pulindo a vida á man. A pulso. Con sinxeleza e asemade coa solemnidade a que un obrigan as experiencias. Velaí a túa coherencia de galego reverente. No corazón a fe. No pensamento a idea. O teu programa fundamental. ¡ Sempre en Galiza!

¡ Velaí que hoxe compartimos unha ocasión de ser felices!

Pois ti Avelino es contemporáneo. Ata a ritmo de tamboril e gaita.E así vas a polo futuro coa enerxía a que te obrigan as forzas da túa orixe, as da túa identidade e a do pobo do galego. Sen argumentos innecesarios. Nin inventos.
Velaí pois Avelino a nosa estima, a da Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG. Que velaí TAMÉN che vai:

con A...... DE AMOR.....
con E...... DE ENCANTO......
con L.......DE LIBERDADE......
con G..... DE GALIZA ....

Estima tamén traducida hoxe en todos nós no maior comunal respecto a ti, Avelino, no maior respecto a ti.

Por iso...... es digno da nosa benzón.
Por iso...... te nomeamos BO.
Por iso...... te nomeamos XENEROSO.
E POR BO E XENEROSO.....
Por sempre te recoñecemos.......

Compostela, 18 de setembro de 2004

 
[volver ao índice da homenaxe]   [arriba]