Bos
días, compañeiros e compañeiras
da AELG, autoridades municipais e académicas,
veciñanza do barrio de Teis, amigas
e amigos todos.
Para
a Asociación de Escritores en Lingua
Galega supón un motivo de orgullo
chegar hoxe á décima edición
da homenaxe "O escritor na súa
terra"; dunha banda, sentimos a satisfacción
de termos conseguido a consolidación
dun premio, o galardón da letra "E",
que destaca os méritos profesionais
dos escritores en activo; doutra banda,
experimentamos a ledicia do contacto humano
con persoas que constitúen parte
imprescindible do noso patrimonio literario
e que, na maioría dos casos, perseveran
aínda no labor cotián de dignificación
da cultura da Galiza.
Abonda
coa cita dos nomes dos homenaxeados en edicións
anteriores para que sintamos que pagou a
pena plantar unha árbore na súa
honra, e deixar aceso o exemplo da palabra
literaria sobre a terra que amaron e os
amou. Elas e eles foron e son Avilés
de Taramancos, Bernardino Graña,
Manuel María, María Xosé
Queizán, Xosé Neira Vilas,
Uxío Novoneyra, Luz Pozo Garza, Xosé
Chao Rego e Xosé Fernández
Ferreiro. Desexamos que o lume da súa
palabra siga prendendo, por moitos anos,
no corazón dos moitos lectores que
este país necesita e os escritores
merecen.
Por
tanto, esta significa para nós unha
xornada de festa comunal; un acto de irmandade
a través do cal expresamos o agradecemento
cara unha persoa que leva toda a vida no
silencioso oficio da escrita e nas angueiras
do activismo cultural e político;
esa persoa, ese amigo de voso, chámase
Salvador García Bodaño, e
o mellor agasallo deste dezasete de xullo
é o de telo ao noso carón,
neste recuncho da cidade olívica
que o viu nacer alá pola mesma data
do ano 1935, nos tempos esperanzados da
República.
Hoxe
desexámoslle a Salvador que esta
terra do barrio de Teis, e este Centro Cívico
que nos acolle xenerosamente, represente,
xa para sempre, un símbolo visible
da súa memoria como poeta, daquela
memoria madura que sempre regresa á
fontela das lembranzas máis íntimas,
a esa Ítaca da primeira idade onde
todos soñamos unha nai acolledora,
unha paisaxe nutricia e un falar agarimoso.
E
quixera rematar este breve saúdo,
cunha paráfrase dos versos que Salvador
lle adicou a Celso Emilio Ferreiro nunha
das fermosas elexías que se recollen
nos seus Cantos de ausencia:
|
Os
poetas renacemos uns nos outros
desde as fontes da fala primixenia
e levamos connosco a liberdade
e o corazón da loita e a beleza:
vento do pobo somos - dixera Miguel-
somos patria -di Salvador- que non se
entrega. |
Grazas
sexan dadas ao poeta, e para todos vós,
saúde e terra.
Carlos Negro, 18 de xullo de 2004
|