Trouxo Ofelia forte vento zoal
unha inesperada calor inusual
Ulularon malos ventos de morte dende Portugal
Noites tropicais, sen resío
retardaron a retirada das terrazas dos bares
Chegou a treboada perfecta
Estalou, unha noite de San Xoán,
en pleno mes de outubro
Luminarias incandescentes tomadas polo satélite
nubráronnos a vista de súpeto
Ardeu o monte!
Ardeu a fauna!
Arderon os aveños nos alpendres
Foi noticia, o can Jackie portando
na boca unha cría abrasada
Pero, as cadeas de mozos e mozas
acudiron a matar o lume
embozados ou a cara descuberta
Técnicos, profesionais
e xente do común
víronse na gaiola do terror
urdida polas xigantes lapas vermellas
Ninguén escapou ao medo,
ao horror, á tristura,
i á impotencia
Todo se intoxicou:
aldea, vila e cidade
Arderon como teas embreadas,
na furgoneta calcinada polo incendio,
Maximina e Angélica
Hai unha listaxe arrepiante:
As Neves, Chandebrito, Carballeda, Cervantes, Maceda, Monfero, Neda, Serra do Xurés, San Sadurniño, Vigo
Catro mortos, Galicia.
Supera os cuarenta Portugal.
Faite cortalumes, ruralízate!
di a Xunta
Mais:
Ti que dis?
Autor/a da transcrición: e~xenio