Era un ferreiro que estaba moi moi pobre, e como por máis que traballaba non gañaba nin pra comer, un día desesperouse e marchou pra o río coa intención de chimparse nun pozo negro e afogar claro. Cando xa se dispoñía a botarse no río, sentiu que o agarraban por detrás, deu a volta, mirou e viu un home moi grande e moi mal encarado. Entón dixo: que feo es, pareces o demo! Ese mesmo son, dixo o outro, e se fas un pauto conmigo douche ferro e carbón todo canto queiras. E dixo o ferreiro: e pois, total xa me ía matar, así que tanto che me ten. Que é o que che teño que dar eu pra facer ese pauto? E díxolle o demo: tesme que dar a túa alma, cando eu volva buscala tesma que entregar, eu déixoche ferro e carbón pra que traballes canto queiras e aínda me podes pedir tres cousas máis que chas hei conceder tamén, as que ti queiras.
O ferreiro, desesperado como estaba, non parecía importarlle moito a súa alma e aceptou o trato. Os dous volveron á forxa pra escribir i asinar o contrato. De camiño, o ferreiro púxose a pensar que lle había pedir, diante da fragua tiña unha pereira que daba moi boas peras pero os pícaros do rueiro fóranlle a elas e non lle deixaran unha. Entón, díxolle ao demo: quero que o que suba a esa pereira non poida baixar ata que a min me dea a gana. Concedido díxolle o demo. O ferreiro tiña tamén no seu obradoiro a carón da porta un escano pra se sentaren os que ían por alí. Pero normalmente paraban pouco i a el non lle agradaba estar só mentres traballaba e dixo: quero que o que sente nese escano non se poda erguer ata que eu llo mande. Concedido tamén, díxolle o demo. E non lle quedaba máis que unha cousa que pedir. Mirou pra unha saquetiña onde gardaba os chorizos da última matanza, tíñaos alí agochados porque máis dunha vez xa llos roubaran, entón pra que non lle volvese a pasar pidiulle ao demo: quero que o que meta a man nese saqueto non a poda sacar ata que eu queira. I o demo: ai, ho! Es ben inocente pedindo, eso está feito!
O demo escribiu o pauto i o ferreiro sen pensalo dúas veces asinouno. O demo foise por onde viñeran, por onde viñera i o ferreiro quedou moi contento coa forxa chea de ferro e carbón. Dende aquel día empezou a facer moito diñeiro porque o material non lle custaba nada e todo eran ganancias. Así foron pasando os anos, pero chegou o día que marcaba o contrato pra que o ferreiro entregase a súa alma ao demo.
No inferno, o demo grande mirou pra o libro de rexistro e viu que había que ir ao mundo na procura da alma do ferreiro. Chamou polo seu nome a un dos demos máis pequenos e encargoulle o asunto: oíches ho! Vai buscar a alma dese ferreiro! I aquel demo pequeno que era mui mandadiño colleu o contrato e presentouse na forxa do ferreiro: véñote buscar que é o día que marca o contrato. I o ferreiro por ganar tempo díxolle anda ho! Déixame acabar de preparar esta ferramenta! Sube aí a esa pereira e come unhas peras mentres agardas, eu logo acabo.
O demo agatuñou á pereira e fartouse de peras, pero cando quixo baixar non puido. O ferreiro chamou polos pícaros das casas do contorno e deron en tirarlle pedras ao demo ata que cansaron. O demo non podía despegar o cu das pólas e levaba as mans aos cornos e berraba: déixame baixar ferreiro trampullán! Daquela o ferreiro díxolle ao demo: se non me levas, perdón, se non me levas déixoche baixar e podes volver pra o inferno. Báixame entón que non te levo dixo o demo e baixouno e deixouno marchar. Vaite e non volvas por aquí.
Cando chegou ao inferno o demo pequeno foi cabo do demo grande dicirlle que non puidera levar canda el o ferreiro. O xefe deu en rifar: non vales pra nada, non mereces estar no inferno, es ben burriño, hei mandar outro!
O demo grande chamou por outro que xa tiña levado moitas almas ao inferno e sei que era dos máis espelidos. Cando chegou á casa do ferreiro tamén lle mandou subir ás peras pero este xa sabía o conto do outro. Non! Agora tes que vir, non hai peras que vaian! I o ferreiro díxolle: agarda logo un pouco que me terei que lavar, non hei d'ir pra o outro mundo mouro coma un...pote. Senta aí nese escano mentres agardas por min que vou aí ao cuarto. Volvo nun instantiño i o demo sentou no escano e esbarroouse nel.
O ferreiro tardaba e comezou a impacientarse quíxose erguer pero tiña o cu pegado e non puido. Empezou a chamar polo outro: Ferreiro! Que? E non me podo levantar e temos que marchar! Eu non che teño présa ningunha díxolle o ferreiro. Pois apura que temos que ir para o inferno que está agardando o demo grande! Xa irás ho, xa irás, non teñas presas que
eu tampouco chas teño. Déixame levantar ho, que xa canso de estar sentado. E o que estarás, dixo o ferreiro. Ferreiro, déixame ir que vai berrar, vai vir, vai berrar moito comigo o demo grande se chego tarde. E díxolle o ferreiro: se me deixas quedar a min, entón déixote levantar. I o segundo demo pequeno tamén chegou ao inferno sen o ferreiro e díxolle o demo grande: e logo ho, onde queda o ferreiro? Pois non fun quen de traelo, dixo o demo, o 2º demo e contou o que lle pasara. O demo grande alporizouse, alporizouse e berrou, sodes unhos burros, non valedes pra nada!
Entón chamou o demo a un demo pequeno que pasaba por ser o máis listo de cantos había no inferno anque tiña o deferto, o defecto de ser algo larpeiro e encomendoulle a el o encargo de traer a alma do ferreiro. Presentouse o demo listo na forxa: prepárate ferreiro que te veño buscar e non quero perde-lo tempo. Xa estou preparado, só teño que calza-los zocos díxolle o ferreiro. Mentres me calzo mete aí a man nese saquetiño e colle unhos chorizos...que che están moi ben curados e ímolos comendo polo camiño. O demo larpeiro rabiaba polos chorizos e anque estaba moscado polo que lle pasara aos outros meteu a man no saco e xa non a pudo sacar. Enganáchesme falsario! Déixame sacar a man! Mentres que non me asegures que non me levas non cha deixo sacar. O demo, derrizou canto puido e non foi quen de sacar a man i ao ver que non podía díxolle ao ferreiro: déixama sacar ho! E quedas aí! E con eso o demo marchou e o ferreiro quedou neste mundo.
O xefe dos demos, o demo maior, cando viu entrar o demo listo sen o ferreiro berraba coma un tolo, pois agora hei d'ir eu! Eu non deixo escapar unha alma! Un contrato é un contrato! E chegou o demo maior á casa do ferreiro. O home estaba mazando no ferro e discorrendo como había facer pra librarse do demo grande que parecía moi enfadado. Convidouno a chourizos e non llos quixo, tampouco aceptou sentar no escano e menos aínda subir á pereira. O ferreiro xa non sabía como había facer, entón vaise e colleu unha escopeta vella que tiña alí, daquelas que se cargaban por riba. Colleu a escopeta e púxose a cargala. O demo grande nunca tal vira e quedou apampado mirando pra o ferreiro e díxolle: e que aparato tes aí?
Entón, díxolle o ferreiro, entón no inferno non tedes desto? Non. É a cachimba pra fumar! Alí non fumades? E fumar fumamos, díxolle o demo, pero desas cachimbas non temos. Ai ho! Pois con esas cachimbas fúmase moi ben eh! Ademais eu teño tabaco moi bo, se queres douche unha chupada. E dixo o demo: a ver logo como sabe. I o demo deulle unha chupada ao canón da escopeta i o ferreiro aproveitou pra meterlle un tiro. Bótase o demo maior fóra a todo correr e non parou ata chegar ao inferno. Como viña sen o ferreiro os demos pequenos, que o estaban agardando, protestaron moito: nós éramos os burros eh! E ti ves tamén sen el eh! E el, o demo maior, moi grande e moi fachendoso, desculpouse: non o quixen traer ho! Non o quero aquí, aquí non pode estar que ten un tabaco moi queimón!
Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro