Eu, eu trouxen aquí un gaiteiro, un gaiteiro que é de Santaballa, que xa o coñecimos en Cabreiros, que se chama Caetano Arias López. Era de Santaballa, nacera alá polo 1880 (...) E este gaiteiro iba animar as festas sempre. Pero, a veces (...) El non era desos machos ibéricos qu’iba ademais e tal. El cando, cando iba aos sitios dicía o que verdadei/ verdadeiramente lle pasara. Esto foi o que lle pasou un día.
Nos últimos de setembre
millor dito, o vintenove
fun a Candamil de festa,
i ao agro acheguei ás nove
Receille un pouquerrechiño
a san Miguel qu’era o santo
a quen lle facían a festa,
e que alí lle queren tanto
Salín e toquei a gaita
sen faltar o redobrante,
xa as mozas viñan correndo
polos camiños adiante
Eu pensei qu'eran siñoras
pois non parecían da aldea,
todas tiñan seu reló
preso por unha cadea
Todas con pano de seda,
debaixo do bico atado,
e moi botado p'atrás
porque se vise o peinado
Os mozos tamén moi finos
con camisiña pranchada,
e nos petos do chaleco
boa cadea colgada
Parei de tocar a gaita,
e dixen con devoción:
voume pra xunto dos santos
qu'han saír na procesión
Fun e paseilles a vista,
desde o sitio onde estaba,
e vin un mui ben deitado
par[e]céndome que choraba
A min, tal ansia me deu
que dixen: Que santo é aquel?
O probiño está chorando
porque o esmaga san Miguel!
E di un vello qu'estaba,
Xunta min, arrodillado:
Non che é santo que che é o demo
Ai, Jesús arrenegado!!
Case me regala os ollos
Será porque son estraño?
Non lle temas, dixo o vello,
qu'está quieto como un año!
Eu vendo que quieto estaba,
pra semellar ben fereza,
saqueille o roncón á gaita
pra lle esmagar a cabeza
Cando vin o feo que era
co medo, saltei atrás,
caín riba dun vello
da parroquia de Burgás
O vello pegoume un couce,
e mais non foi con pereza,
que me abateu contra o demo
e rompín ben a cabeza
Ao saír pra fóra, deille
a unha vella un case nada,
e levantouse moi fresca
para darme unha bofetada
Os mozos qu'estaban fóra,
como saín escapado,
correndo tras min decían:
Ese algo leva roubado!
Pilláronme enseguidiña
listos como o pensamento,
á forza de paus, deixáronme
perdido o conocemento
Mui escura estaba a noite,
i, ao recordar, tiven medo,
ben sentín cantar o moucho
aló riba nun penedo
Levanteime como puiden,
fun pra casa coxequeando
Os galos cantaban xa
cando nela estaba entrando
Collín pr’a cama amodiño,
e púxenme a cavilar,
pensando, pensa que pensa,
nos paus qu'aló fun levar
Perdera a miña gaitiña,
a perda non foi pequena,
p[e]ro como gaitas me sobran
por iso non teño pena
Mais heiche de dar un consello,
escoita leutor amado:
Non queiras chanzas co demo
anque o vexas ben deitado!
Autor/a da transcrición: e~xenio