A ver...
Aló na terra de Lugo,
na montaña de Burón,
pasou un caso chocante
que causou admiración.
Vivía unha patrona
con unha filla e unha neta,
as tres estaban solteiras
nunha casiña pequena.
Todas as tres tiñan mozo,
todas se querían casar
e maiormente a patrona
xa non se pode aguantar.
Esta trataba cun vello
medio xordo e xorobado
pero era moi bonito
porque tiña moitos cartos.
A filla era media bruxa
e tamén tiña rapaz,
un xastre de mala morte
que andaba polo lugar.
A neta era noviña,
tiña quince primaveras,
solo que tiña un defecto
que era torta das pernas.
Esta tamén tiña novio,
un gallardo paragüero,
que cando ven ó lugar
botáballe algún remendo.
Un día que estaban xuntos,
entre todos acordaron
casarse todos nun día
por evitar moitos gastos.
A vella, toda apurada,
foi xunto ó cura correndo
antes que algún dos novios
cambara de pensamento.
-Boas tardes, señor cura,
véñolle a preguntar
por facer tres casamentos,
canto nos ha de cobrar?
- Un cóstalle trinta pesos,
os tres válenlle noventa,
pero se son todos xuntos
rebaixareille da cuenta.
-Claro que son todos xuntos
e todos nun mismo día,
cásome eu, cásase a neta
e tamén se casa a filla.
-Nunca outra tal se veu
desde que son sacerdote,
tres casoiros nunha casa
debe ser señal de morte.
-Pos non lle é ningún milagro,
é que encontramos tres burros,
e hai que aparellalos
pra que queden ben seguros.
-Pos véñanse cando queiran
que en caso de contado
e como son todos xuntos
heillo de facer barato.
Un día de moito inverno
saliron pra se casar,
deixaron a casa sola
e os rapaces do lugar
entráronlles na cociña,
levaron a carne toda,
o viño, as empanadas,
todo o que tiñan prá voda.
Tocando cornos e latas,
cencerros e potes vellos
marcharon pra unha xesteira
moi alegres e contentos.
Alí fixeron a festa,
á conta dos casamentos,
o viño andaba por cuncas
e a carne por torombelos.
Volvamos ás tres parexas
que viñan de se casar
pensando na grande enchenta
que se iban a tomar.
Cando chegaron á casa
atoparon todo varrido,
nin molete, nin ovella,
nin o pelexo do viño.
-Quen sería o galopín
tan ladrón e desalmado?
dixeron os matrimonios
todos a un tempo chorando.
-Esta si que che foi gorda,
nunca eu me houbera casado,
que polo primeiro día
xa levamos bon petardo.
Mais a conta foi despois,
ao chegar os convidados,
topan as portas pechadas
e os matrimonios chorando.
- Que vos pasa, meus amigos?,
dixo un dos convidados,
que todos estades tristes
coma perdidos chorando?
-E que é o que vai a pasar,
dixo a tía Micaela,
mentras nos fomos casar
roubáronnos a ovella,
o viño, o pan de trigo,
a empanada e a paella
e non levaron a casa
porque non podían con ela.
Mentras tanto, no lugar
fixeron unha gran festa,
hasta os cas rebentaron
coas zancas da ovella.
Os matrimonios á noite
fóronse cedo prá cama,
habían facer un traballo
e non puideron facer nada.
Porque o baile, meus amigos,
según dice Sancho Panza,
que todo aquel que non come
ten pouca gana de danza.
Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro
Esta é outra cantiga, integramente conservada na memoria da señora Elba Requeijo, procedente dunha desas coplias* que vendían os cegos a mediados do século XX.
Unha vez máis comentamos que o normal é escoitala cantada. Unha interesante versión dela aparece en Recolleita Vol. I (Ed. Edigal, 1.984) interpretada por Florencio López, Cego dos Vilares. Na versión de Florencio aparece o mesmo tema, con moitas frases coincidentes, pero dá a sensación de ser anterior, o que nos fala de que os argumentos que aparecían nestes papeis eran moitas veces reelaboracións de cántigas ou romances máis antigos, adaptados sempre con moita habilidade.
* Coplias é a denominación que se lle dá popularmente en Galicia (unha curiosa fusión das palabras coplas e copias) aos impresos que suministraban as imprentas en lotes para ese fin, que os cegos (lazarillos ou acompañantes) vendían por unha pequena cantidade.
__________
Asesor musical: Juanjo Fernández.