Un repoludo gaiteiro
De pano sedán vestido
Como un príncipe cumprido
Cariñoso e falangueiro,
Antre os mozos o primeiro
E nas suidades sin par,
Tiña costume en cantar
Aló pola mañanciña:
Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.
Sempre pola vila entraba
Con aquel de señorío
Sempre con poxante brío
Co tambor se acompañaba;
E si na gaita sopraba,
Era tan dose soprar,
Que ben fixera en cantar
Aló pola mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas hei de engañar.
Todas por el reloucaban
Todas por el se morrían,
Si o teñan cerca, sorrían
Si o tiñan lonxe, choraban.
¡Mal pecado!, non coidaban
que c'aquel seu frolear
tiña costume en cantar
aló pola mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas hei de engañar.
Camiño da romería
Debaixo dunha figueira,
Canta meniña solteira
¡Quérote!, lle repetía,
i el ca gaita respondía
por a todas emboucar
pois ben fixera en cantar
aló pola mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas hei de engañar.
Elas louquiñas bailaban
E por xunta del corrían,
Cegas, cegas que non vían
As espiñas que as acercaban;
Pobres palomas buscaban
A luz que as iba queimar,
Pois que el soubera cantar
Aló pola mañanciña:
Ó son da miña gaitiña
As nenas hei de engañar.
¡Nas festas canto contento!
¡Canta risa nas fiadas!
Todas, todas namoradas
Déranlle o seu pensamento;
I el, que de amores sedento
Quixo a todas engañar,
Cando as veu dimpois chorar
Cantaba nas mañanciñas:
Non sean elas toliñas
Non veñan ao meu tocar.
Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro