Nin ver, amor, nin oír nada, nada.
Subir, demente, ás arboriñas tensas,
cal urogalo luxuriante en trance,
e abrí-lo fol da cantadela erecta.
Nin ver, amor, nin oír nada, nada.
Chamarte sempre desde as pólas destras
con cen redobres e retrousos tercos
e agardar toda a túa densa ardencia.
Nin ver, amor, nin oír nada, nada.
Coas vellas plumas do pescozo tesas
e os ollos da alma e os oídos pechos
cantar é só morrer de amor á espera.
Nin ver, amor, nin oír nada, nada.
Andar perdido pola fraga ceiba,
cego por ti, meiga gaiola sagra,
vén sendo a diario a miña fonda angueira.
Autor/a da transcrición: e~xenio