“Monte Alto a 100” naceu como comparsa no ano 94. Na orixe, dezaoito amigos que paraban no Marte -clube de fútbol modesto- dispostos a honrar ao Antroido. Agora son máis de trinta, editan cada ano un CD coas súas pezas e, sobre todo, convertéronse nun referente da gran tradición antroideira do barrio: O epicentro da festa na cidade está aquí, na rúa da Torre, onde campan centos de choqueiros o Martes de Carnaval. Choqueiros que nunca deixaron de saír, mesmo desafiando ás prohibicións nos días máis duros da ditadura. Tan grande é a paixón por esta festa que na praza do Parque se ergue un monumento dedicado ao señor Canzobre, mestre absoluto do Antroido coruñés.
Wenceslao Beceiro Segade, o mestre Wences, naceu en 1924, na Atocha Baixa cunha guitarra debaixo do brazo. Na súa casa todo era música, desde que un tío seu volvera de Cuba. Militou de novo nas Xuventudes Socialistas, e foi testemuña da terrible represión que viviron as Atochas, barrio obreiro, tras do golpe militar do 36. Nos anos 50 repartiu virtuosismo co Trío Azteca e cos Cumbancheros. E formou parte do Mariachis de Canzobre, a máis famosa comparsa de carnaval. Emigrou a Londres, alí, no ano 74, fundou cuns amigos o Centro Galego. E organizou no seu seo a Orquestra Galicia e o grupo enxebre Os Cabuxos.
Tras da xubilación volveu ao seu barrio, Monte Alto, onde se segue a vivir, coa mesma intensidade da infancia, as súas dúas grandes paixóns: a música e o carnaval.
[Xurxo Souto]