Muller do solpor!
O amante vén de lonxe, que viño ha de beber?
Que ardor has ti de darlle na luz da roxa lúa?
Un salvaxe amor que se desfolla?
Encerellado amor de moura serpe?
De tantos mares vén, de tantas dores.
Bruído de ouro no seu corazón.
A porta dos pobos pechouse moitas veces diante dos seus pés.
Cabalos, carros, homes e pó de mil camiños.
E os trebóns nos mares de topacio
e areas do deserto nas que a lúa
amusgaña os seus ollos entre as altas árbores.
E ti morres dun pranto sobor do corazón inmóbil.
Unha onda vén do fondo e remove as tebras.
E ti morres de amor no gris dunha pequena hora.
Autor/a da transcrición: e~xenio