“Monte Alto a 100” naceu como comparsa no ano 94. Na orixe, dezaoito amigos que paraban no Marte -clube de fútbol modesto- dispostos a honrar ao Antroido. Agora son máis de trinta, editan cada ano un CD coas súas pezas e, sobre todo, convertéronse nun referente da gran tradición antroideira do barrio: O epicentro da festa na cidade está aquí, na rúa da Torre,onde campan centos de choqueiros o Martes de Carnaval. Choqueiros que nunca deixaron de saír, mesmo desafiando ás prohibicións nos días máis duros da ditadura. Tan grande é a paixón por esta festa que na praza do Parque se ergue un monumento dedicado ao señor Canzobre, mestre absoluto do Antroido coruñés.
Manuel García Canzobre naceu en 1886 en Riazor, non no campo, na aldea de mariñeiros que ocupaba o seu predio. Moi novo embarcou cara Cuba como polisón e, despois de percorrer medio mundo, volveu co enxeño ben espelido para converter a súa casa -rúa da Torre nº 152- na auténtica cátedra do carnaval. Creou para o seu Mariachi unha estética propia a base de bombín –fóra el que gastaba chistera- e traxe de plexiglás. Morreu patronciño no ano 77. Hoxe séguense a cantar polas rúas da Coruña, O coche funerario, O caleixón de Tabares e outras pezas canfurneiras que nos legou o seu talento.
[Xurxo Souto]