Algo que se contaba en voz baixa, vós sabédelo moi ben, que nos se contaría posiblemente en polafías normais, son os temas como o desta canción que imos cantar agora. Eu sei, porque estiven en Sober hai moitos anos, un só ano pero deixoume marcado porque Sober é unha terra que marca, está ben... Historias de paseados, de fuxidos... e de todas esas historias que se nos agacharon durante tanto tempo para que non souberamos do silencio tenebroso que nos cubriu, e que nos cobre, durante tanto tempo. Aquí, historias desas sucederon. Eu recordo que me contou unha vez un home, creo que foi en Bulso nunha festa, un vello contoume como tomara vinganza un a quen lle machacaron as maus, tirándoo por unha ponte embaixo para o río; que se salvou e que se raeu e, ao cabo de 15 ou 20 anos, regresou onde estaban aqueles que o tiraron, xogando a partida, pousou as maus encima da mesa, díxolles: coñecédesme? quedáronse así... e pum! Tomou xustiza. Imos cantar a canción do comandante Moreno. É un romance que se fixo, no ano 36, finais do 36 principios do 37, cando regresaba o comandante Moreno, panadeiro da Coruña, comandante dun corpo de voluntarios do exército republicano, anarquista e como os cazaron en terras de Fonsagrada. Dicirvos que isto non nos foi cantado nunha polafía, senón que nos foi cantado no medio do monte e sen que souberamos o nome de quen nolo cantaba porque aínda tiña medo e isto sucedeu hai uns 7 ou 8 anos. Cantar isto, para nós, é un gozo porque significa recuperar unha memoria que se nos borrou, á forza, durante setenta e tantos anos. [Mini]
Mini (Xosé Luís Rivas Cruz), nado en Begonte o 18 de xuño de 1951, e Mero (Baldomero Iglesias Dobarrio), Vilalba, 27 de xuño de 1951. Músicos, poetas, mestres e investigadores do folklore e a cultura tradicional de Galicia, membros históricos de Fuxan os Ventos e actuais compoñentes de A Quenlla. Ademais da súa produción discográfica con estes grupos, teñen participado por separado ou conxuntamente noutros discos de música galega como o Quiquiriqui (2006) producido pola Asociación de Gaiteiros Galegos e en obras teatrais como Pan, catro propostas arredor da malla e publicado diversos libros. É salientable o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas, principalmente na súa Terra Chá natal e nas zonas onde exercen o seu traballo de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini). O arquivo sonoro froito deste labor, composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). No campo educativo son autores de diveros libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario. En abril de 2009 foilles concedido o Pedrón de Ouro, e en outubro de 2011 o Premio Ramón Piñeiro “Facer país” como recoñecemento á súa traxectoria de corenta anos de investigación musical.