Eu creo que será certo
o que lin nunha revista
que pasou cun paragüero (1)
deses da terra da chispa.
Miña irmá tiña unha filla (2)
dunhos vinte anos e pico,
non lle deixaba ter mozo
hasta que viñera un rico.
Ela ben o merecía,
era unha moza elegante,
tiña unha casa ben feita
e un bon lameiro por diante.
Ó cabo de pouco tempo
xa verán o que pasou,
un paragüero de Orense
con sencillez a engañou.
Como eses paragüeros
que arreglan as porcelanas,
tamén teñen o costumbre
de subir polas ventanas.
Aló pola media noite,
cando xa estaban na cama,
veu o bon do paragüero
e subeu pola ventana.
Ó cabo de pouco tempo
deu en poñerse maliña,
eu mismo lle fun buscar
o médico da Veiguiña.
Deulle fregas á barriga,
púxolle inyeccións de suero,
hasta que notou que había
principios dun paragüero.
Miña irmá máis meu cuñado
ao saber o contenido,
empezaron a chorar,
aquelo era un allarido.
Eu tratei de consolalos,
o chorar é perder tempo,
ir buscar ó paragüero
e trata-lo casamento.
Pero ahora, o condenado
na casa non quer parar ,
inda lles dice ás veciñas
si ten algo que arreglar.
Unhas dícenlle que nada,
outras dicen: Vou mirar,
outras dícenlle que teñen
un clavo pa remachar.
Dice a maestra do pueblo,
que é unha persona mui lista,
que n'hai máis grandes canallas
que eses da terra da chispa.
_____
Notas do asesor musical Juanjo Fernández
(1).- Os informantes sempre din “paragüero”, tal como se escoita nesta mesma gravación a Elba Requeijo. Por outra parte, axústase máis o título de O paragüero, en singular, desta maneira témola rexistrado en tres ou catro versións.
(2).- Se cadra non resultará novo mais, por se acaso, comentamos que a recitadora engánase varias veces. Unha é cando di por primeira vez “Como eses paragüeros que arreglan as porce …”, por iso deixa o segundo verso inacabado e axiña continúa co verso correcto que é o de “Miña irmá tiña unha filla”. Máis adiante escápaselle unha segunda vez “Como eses paragüeros... Tiña...” pero volve rectificar para continuar co verso correcto que, nesta ocasión, é o de “Ela ben o merecía”.
Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro
A señora Elba Requeijo recita pero é máis usual atopar o texto vinculado a unha melodía. A procedencia desta cántiga ben pode ser unha desas coplias* que vendían os cegos nas feiras, a mediados dos. XX. Unha vez máis vemos un texto intelixente, ben argumentado, con ese humor e picardía que tanto gustaba á audiencia popular galega da época.
* Coplias é a denominación que se lle dá popularmente en Galicia (unha curiosa fusión das palabras coplas e copias) aos impresos que suministraban as imprentas en lotes para ese fin, que os cegos (lazarillos ou acompañantes) vendían por unha pequena cantidade.
__________
Asesor musical: Juanjo Fernández.