Amo esta terra vella feita
de arxila vermella como o sangue
na que a xente deixa
o seu sudor de séculos
co que lle dá sabor ao pan,
ao viño, a tarefa sagra
e humilde de ser home.
Amo esta terra cruzada
polo Cabe, melro máxico,
canción que aquece
e enche o corazón.
Amo esta terra boa, tan humana.
Amo esta inmensa cunca
na que floreceu pra sempre
o meu amor: Monforte
e todo o Val de Lemos,
Pantón, Bóveda, Sober
e as terras do Brollón e o Saviñao
Amo esta terra cha
cinguida
por serras e por montes
e polo azul do ceo coronada.