Alén do teu recordo talvez somos
sombras facendo sucos pola cinsa
ou clamor (de estadea) regresando
a un oficio nocturno de arrepío
Muller amarga escura flor de noite
amarte foi dolor e lúa negra
muller amada chéganos a vida
os labios que bicaches xa son terra
Terra nutricia mai onde afondamos
somos raíces procurando saiva
pra agromar de novo en primavera
e ornarche a fronte con grinaldas verdes
Muller de amor escribe o noso nome
neste túnel de morte que nos cega
non o escribas coa tinta dos exilios
molla a túa pluma na luz do sol primeiro
Convócovos á loita en desespero,
coa palabra xa cansa de derrotas,
que o silencio está acabando cos menceres
e a razón non aluma cal debera
sen xustiza, sen xuízo, nin sentenza.
Que nos comen os tecnócratas traidores
que só pensan que vivir
é fría cadea... para os outros
non para eles, que o gobernan,
e uns tras outros producen en ringleira
profecías de novas primaveras.
Chaqueteiros, mentidores,
salvapatrias que se agachan
por detrás da ramalleira
para usaren a mudez como resposta,
cun sorriso perverso e de rastreiros,
no humillante labor de tirar pedras,
desde a sombra, coma sempre,
e fan burla sen que os vexan.
Arribistas da neutra posición que nada arriscan
que engaiolan os coitados por algunha comenencia
ou aqueles que vencidos...
nunca soñan nin esperan.
E, aínda así, coa fatiga das batallas venceremos,
como non, co orgullo da lingua por bandeira
pois é nosa, e só nosa, a nosa terra,
e terán que devolver canto furtaron,
convertendo en dozura a súa dureza
e un a un proclamar aos silenciados,
como non, a máis ruín das súas miserias.
Na ilegal usurpación dun breve soño:
ver Galicia gozando a súa existencia
e os galegos compracidos na autoestima,
rexeitando dunha vez, dunha por todas,
a mentira, a ruindade e tanta merda!!!
Que nos levan os traidores salvapatrias,
que nos levan pola corda pra condena,
que o silencio está acabando cos menceres,
e a razón non aluma cal debera
confundindo a nosa voz,
e no furto da memoria
facendo nesta loita
a néboa aínda máis mesta.
Autor/a da transcrición: e~xenio