Velaí vai a tarde volta sombra,
andadura vella de larganzas novas,
espetándoseme nos ollos que descobren
un son de lembranza pulando no recordo
inmorrente neste espacio que me foxe.
¡E o desexo de Xirarga cadrou coa noite pecha!
Poño mineral de ouro nos teus beizos
e lume de toxeira no doce azul Testeiro,
para a Terra de Montes busco a palabra
que encheu o tempo de barolo e sarrio
na lonxanía triste da raíña dona Urraca.
¡Chamando por ti Xirarga a berros neste Suído!
Poño mineral de ferro, en Porto dos Bois,
rellas e eixadas co fío aínda medrado
e choutando nas mesmas canles e nos regos
onde naceu río o Avia hai milleiros de anos
para que poidan beber nel tódolos melros.
¡Atopándote á fin Xirarga no mesmo seo das carballas!
Poño mineral de estaño á beira dos fentos,
acugulando fortes andas con penedas de soá
fóra da terra, nas que tripou a besta moura
dun meu avó, no teu Doade de feira e chapeos negros,
alí apalpaches cedo remendos de pana remontada.
¡Ofrézoche a soas, Xirarga, este pano de liño levanisco!
Co día aloumiñoume a furia das carqueixas
e o bater dun sol brillante que moi ben apañan
estes porpiaños e tellóns querendo ser solainas.
Máncome no rosto con tanta luz disposta
para ir dar no verde lene dos sucos de centeo.
¡E entro en ti, Xirarga, ás toas e polo medio!
Autor/a da transcrición: e~xenio