Voulles contar agora
o que un día lles pasou
a Marica do Pomar
e mais a Xan de Vixou.
Estaba un día Xan
collendo toxo no monte,
veulle a sede e foi beber
unha pouca auga á fonte.
Alí abaixo no prado
viu unha moza segando,
subíuselle o clarinete
e ata alí foi andando.
Era Marica do Pomar
que tiña un vestido novo,
parecía unha galiña
cando vai poñer o ovo.
“Moi boas tardes Xanciño
- dixo Marica lixeira -.
Seique non che gusta o monte
e tíraste á carballeira”.
“Eu tírome ás boas mozas,
que me gustan con locura.
Traio aquí un mal comigo,
ándolle buscando cura.
E se ti quixeras
aquí detrás da silveira
ti tócasme o clarinete
e eu tócoche a caneira”.
Ó falarlle destas cousas
Marica xa está escangallada,
pero tiña medo que chegara
o outro que ela esperaba.
Marica foi e sentouse
na beira do arredor.
Xan que a estaba esperando
xa viu as cousas mellor.
Despois de moito tecer
Xan foille metendo a man;
era no mes de xaneiro
e sudaba coma no verán.
Entón díxolle Marica:
“¿Onde vas tan apurado?”
“Atopei aquí un burato,
facía falta tapalo”.
“Costoume traballo atopalo
- díxolle xemendo Xan -
pois está moi ben tapado
polo refaixo de lan.
E se ti estás de acordo
vamos para detrás da silveira;
tapamos ben o burato
e que sexa o que Deus queira”.
Foron para detrás da silveira
e puxéronse a facelo.
Xan estaba tan inclinado
que xa daba xenio velo.
Ó que acabaron a cousa,
Xan, un pouco degolado,
marchou outra vez para o monte
e Marica foi para o prado.
E nisto chegou o outro
que ela estaba esperando,
repetiron a función
e verán o que foi pasando.
Foron pasando os días
e a barriga medraba,
pero Marica non sabía
quen tiña a culpa da allada.
Marica quería saber
quen era o que tiña a culpa
para casar xa con el
antes de que rompese a cunca.
E casou co segundo,
que se chamaba Froilán;
máis tarde naceu o neno
e parecíase a Xan.
Aquí acaba o romance
para rematar o relato
dun neno feito por dous
que ían tapar un burato.
Autor/a da transcrición: Isidro Novo