Nacín en 1948 en Formigoso, unha aldea de Baños de Molgas. Estudiei Maxisterio por libre co mestre de Molgas. Cando aprobei as oposicións tiven que marchar para Asturias e alí dinlle clases aos mineiros. Paseino moi ben. Tamén estiven en Ferrol e finalmente aterrei en Allariz. De cada sitio teño moi bos recordos, pero foi en Allariz a etapa máis fértil. Aquí dediqueime a mellorar o ensino e a aprendizaxe das Matemáticas, fundamentalmente da aprendizaxe do cálculo e da resolución de problemas elementais. Froito deste traballo xurdiu "O estratega", un material manipulable que facilita a aprendizaxe do cálculo de xeito racional. Tamén patentei un material manipulable e gráfico para a resolución de problemas. Neste momento ademais de coñecer o patrimonio da comarca estou involucrado en diferentes asociacións e fundacións.