Sae Técola cun cesto e unha fouce de segar herba, como que vai para o prado, e Perucho atrás falándolle.
Perucho. Se non me falas, aquí mesmamente vou morrer.
Técola, en ton irónico, e como que no lle dá crédito:
Técola. Xesús, quen tal ha de ver!
desdicadiño de ti!
Vai ao crego que che dea
torresmos, e pan de trigo,
ovos revoltos, formigos,
e do que haxa pola aldea;
e a criada, que che poña
empastros na paletilla.
Agárraa Perucho e paran a un lado.
Perucho. Caya neste sitio un rayo,
e o demo chegue a levarme,
se hai razón para culparme,
ou con outra parto o sayo.
A meu pai xa lle falei
dun modo que nunca fixen;
e á vella Goras lle dixen
o que aquí repitirei.
Non teño mais cdunha lei:
e se contigo non caso,
ás carreiriñas me paso
a comer o pan do rei.
Creeme Técola miña,
que non te engaño, de certo.
Técola. Canto me digas ao perto,
esquénceche coa Dominguiña.
o domingo á porta está,
e as moniciós están feitas.
Perucho. Vállame o señor san Brais:
dime ¿que queres que faga?
Técola. Escuso, porque é de mais.
Perucho. Eu vou fuxir da aldea.
Técola. Fai o que queiras.
Quere irse e pasa Goras.
Perucho. Dios nos axude.
Técola, medio enfadada:
Técola. Nin por canto ten o mundo
quixera que esta nos vise:
queda con Dios.
Vaise e di Perucho como absorto:
Perucho. Imposible que o demonio,
que decote é mal agoiro,
n'investase este casoiro,
mal chamado matrimonio.
Meu divino san Antonio,
san Andrés o de Teixido,
santa Marta de Bavío;
deparádeme consolo!
Eu morro, ou vólvome tolo
se esta cousa adiante vai,
queira ou non queira o meu pai,
que o casar non é pra un día solo.
Vai andar e detense chamado pola vella.
Goras. Oite Perucho por min,
que algo teño que dicirche.
Perucho. Pois ande. (Achégase á vella)
Goras. Ai home que présa levas,
non vin outro coma ti.
Perucho. Pois non faltan por aí.
Goras. Séntate comigo un pouco.
Perucho. Se quer parola a Xan Rouco,
que ao fillo dóelle a cabeza.
Goras. Peruchiño: a min me pesa,
que podendo casar ben,
non o fagas: val quen ten;
n'hai peor mal que a pobreza.
Anque teu pai ten de seu,
tes irmaos con quen partir,
e tempo chegará a vir
que che pese; e dígoo eu.
A ama do crego é boa,
seu amo puxa por ela;
Dios nos dea comedela,
e que nunca falte broa.
Se outras che volven o miolo,
para ti o daño fas;
vete e revete rapaz,
ten xuício, non sexas tolo.
Perucho. Canto me poida dicir,
e coa lengua padricar,
eu non hei de escoitar,
para canto máis cumprir.
Quere irse e deteno a vella.
Goras. Pero dime ¿ti en que reparas
para poñer tal repuna,
que ademais da fortuna,
é das milloriñas caras
que pasean esta terra?
Perucho. En que aí o ben non se encerra.
Goras. Ti sabes que é pretendida,
e dos máis guapos roldada,
con bos mozos moi rogada
para casas de gran vida.
A súa xente está frolida
desde que co crego entrou,
como que o ollo medrou,
e hoxe é caniba escollida.
Déixate de tolexadas,
non deas pesar a teu pai,
que sabe máis ben o que fai
que ti, coas namoricadas.
Que tes Técola ben sei,
e que tes amistá con ela,
mais pra muller escollela,
Perucho nunca o pensei.
Perucho. ¿E por que non?
Goras. Ai tontiño, porque iñoras
o que é manter casa e vida,
que por ben que estea sortida,
hai faltas a todas horas.
O segundo, que teu pai
pensa como home de ben,
e así por vengonza ten
unha nora que non trai.
Orasme, sobre esto hai,
que os dous parizos que teña,
non tendes donde vos veña,
cando ela non colla un mal.
Has de verte e desearte,
ninguén volverá por ti,
que como dicen alí,
con quen casou repárase.
Ao revés a Dominguiña,
que anque por sí non teña,
ten o crego, que por ela
é capaz de dar por vida.
Paira as veces que quixer,
escusas de ter coidado,
que seu amo é moi honrado,
e nel compadre has de ter.
Perucho. Valla o demo tal fregado!
Goras. Non has ser mal pensado,
nin levala por aí.
Perucho. ¿Pero ela que demos di
máis do que teño falado?
¿Por que o crego lle quer tanto,
sendo que non é a súa sobriña?
Goras. A xente d'hoxe é toliña:
eu de nada che me espanto.
Atende aquí, sospeitoso:
o crego querlle por boa,
e porque o sirve hai catro anos:
e neles ten desenganos
de que o vento non lle zoa.
Nunca nada se lle veu
do que a ti se che parece,
nin tiveron ai que pese
todo o tempo que o serveu.
Ela sábelle o tempero,
e el co'ela está contento:
canto falas todo é vento;
sobre todo, é un caballero.
Trata de virte comigo,
que quedei en ir despois:
recolle a teu pai os bois,
e creeme o que che digo.
Vaise a vella e Perucho para a súa casa botando contas consigo.
Perucho. Canto dixo esta muller
é a mesma realidá,
e sendo a pura verdá
non ten máis certo que ser.
Con Técola vou facer
un casamento cagado,
que anque estou enamorado,
esto non dá de comer.
Ela pra ser unha probe
ten o xenio soberbiño;
nunca me citou ao moíño,
antes ás nubes se sobe.
Debo dar gusto a meu pai:
Dominga é moza de feira,
e anque por hoxe non queira,
co tempo todo se fai.