Sempre recordo moitas cousas
que meus pais me contaban:
as crenzas, supersticións e os meigallos ou sinais
que coa morte asociaban
Os ouveos dos cans á noite
os corvos ao pe das casas
era sinal de morte de alguén
o mesmo que cando ven caer as fachas
Se un defunto pasaba domingo na casa
ou a chama das velas era longa e con fume na punta
era sinal que non tardaría moito de haber
na mesma familia outra persoa difunta
Cando unha persoa era envexosa
e se fixaba sempre no dos demais
dicíalles que tiña mal de ollo
e que che facía ou desexaba mal
Contábame que as anduriñas
eran páxaros sagrados
e o que lles fixese mal
serían desgraciados
A aparición dalgúns santos
que da morte avisaban
contaban os meus pais
que os que vían logo finaban
Así como os cans osman
e sinten a morte
dicían que os grilos, pola contra,
traían moita sorte
Vénseme á memoria
que para algunhas enfermidades
abondaba con unhas oracións
pa curar algúns males
Pa quitar as espullas, berrugas
co coitelo de pau (incomprensíbel)
pregando arredor da capela
e voltando alí cada ano
Se che doía o lombo,
rezábanche unha oración
colocábanche as costas
e lista quedaba a questión
Ademais dos rezos curativos
empregaban plantas medicinais
para un sin fin de males
tanto pa personas como animais
Fíxome moita gracia
cando me contaban
o que facían coas ortigas
que polo lombo che zorregaban
Disque quitaban a febre,
non debe ser conto
pois ou baixaba rapidamente
ou che partían o lombo
A silva que tanta rabia nos dá
usábase pra inchazós e queimaduras
non sei que sería peor
aguantar o mal ou as rascaduras
En fin, que antes facían
remedios de todo tipo
que tanto che daban un xarope
como che quitaban dun susto o hipo
Non había remedio
nin cousa máis boa
que botar sempre man
da botica da avoa
Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro