Aló cando eu era mozo,
tiña doce anos cumpridos,
fun ver unha nena guapa,
filla de Xan dos Despidos.
Eu levaba un pau tan grande
como o fungueiro dun carro,
e unhas zocas de chinela,
fumando nun gran cigarro.
Entrei, dei as boas noites,
sale o can tan apurado,
rachoum'o calzón de estreno,
e mais tiroume deitado.
O vello pegoulle un couce
atrais can! Ou, condenado!
Por baterme a min nas costas,
que me deixou derreado.
E dixo a vella da casa:
"Foiche bo milagro, home!
que ese can éche escollido.
E carne mala non a come."
A rapaza non estaba.
Disque iba nun viaxiño.
Eu quedei pra lle esperar
no alboio dun veciño.
Saleu outro can tan fero
como a cabeza dun sapo,
e arrastroume pola lama
mesmo que si fora un trapo.
Como o can ladraba tanto,
salen tódolos veciños,
con colmeiros, paus e fouces,
i as mulleres con enciños.
Cando sentín tal barulla,
deixei as zocas chinelas,
e pra que non me pillasen,
deille bon sebo ás canelas.
E no camiño unha vella
que pensando ben (no crego)
deume unha bofetada
dicíndome que era feo
miña mai ao entrar na casa
fíxome unhas boas sopas,
cantoume as corenta en bastos,
e mais dispois vinte en copas.
E meu pai, que estaba cerca,
pra me quentar ben as moas,
pegoume tres bofetadas.
que encima de mel, filloas!
Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro
Poema da autoría de Caetano Arias López (1881-1952)