Enrique Broz Rei
Naceu en Melide no ano 1949. Pertencente a unha familia de zapateiros sendo el e o seu irmán Jesús a terceira xeración no negocio. Hoxe xa xubilado, leva o negocio a cuarta xeración da man da súa filla.
Desde neno traballou na tenda familiar axudando polas tardes cando saía da escola. Naqueles tempos, nos anos 50 e 60, ademais da tenda tamén vendían calzado polas feiras, e Enrique acompañaba ao seu pai polas feiras de Galicia. Dedicouse profesionalmente ao negocio do calzado, fabricando zapatos e zocos até os anos 90, e tendo a tenda onde vendían todo tipo de calzado.
Entre os anos 55-60 formou parte da Tuna de Filarmónicas de Melide, unha agrupación de nenos e mozos que tocaban este instrumento. Foi membro da formación folclórica Froito Novo nos anos 70, tocando a gaita, e na que estivo até o inicio da década dos 80. Hoxe, forma parte da corda dos tenores da Coral Polifónica de Melide. Foi concelleiro de Cultura do Concello de Melide na lexislatura 87-91 pola formación independente Unidade dos Veciños.