Xurxo Broz Rodríguez
Naceu en Melide no ano 1972. Arqueólogo de profesión e vocación no que leva 30 anos traballando. Xa de novo participou nas campañas de escavación do Castro da Graña e na súa vida profesional leva efectuado innumerables traballos no eido da arqueoloxía participando en numerosas escavacións arqueolóxicas ó longo de toda a xeografía galega. Apaixonado da cultura e da defensa do patrimonio, traballa incansablemente pola protección e difusión dos bens culturais da comarca.
Forma parte do Museo da Terra de Melide como colaborador e dinamizador cultural, propoñendo, programando e deseñando actividades culturais, nas que tamén participa de xeito activo.
Entusiasta da natureza e do patrimonio forma parte de varios proxectos culturais e de valorización do patrimonio tanto material como inmaterial. Defínese a si mesmo como melidao por riba de todo.
Museo Terra de Melide
Nace no ano 1978 por iniciativa dun grupo de amigos entusiastas do patrimonio. As súas primeiras mostras de exposición foron sobre arqueoloxía da comarca, para posteriormente ampliar os fondos á etnografía.
Dende a súa fundación, os principios do Museo da Terra de Melide son a protección, difusión e posta en valor do patrimonio comarcal para crear un sentimento de arraigo e cariño polo propio.
Os membros fundadores seguen fondamente vinculados á institución, que agora se rexe por uns estatutos.
A sede do Museo pasou por diferentes localizacións, ata que no ano 2001, se inaugurou o actual edificio no antigo Hospital de peregrinos de Melide, sendo esta sede propiedade da institución, e mercada mediante subscrición popular na que practicamente todo o pobo contribuíu a súa compra. Pódese dicir polo tanto, que o Museo é propiedade do pobo.
Segue a traballar incansablemente despois de 42 anos, na difusión, coidado, posta en valor, protección e defensa do patrimonio histórico e tamén natural da comarca, abrindo a man á difusión do patrimonio das bisbarras veciñas.