No chan que en Morrazo
chaman os galegos
chan de Parafita,
que chega hasta o ceo,
que está no camiño
que vai ao Ribeiro
dendes Pontevedra,
a vila do reino;
a unha legoíña,
camiño dereito
-fai conta que sigues
o rumbo surlesto-
se sube en relanzo
por todo o vieiro,
sin muita fadiga
nin moito tormento.
Axiña se chega
ao chan que dixemos
e mais é ben ancho
todo o seu terreo.
Alí corren lebres
e cazan coellos
os homes nas festas;
dempois van vendelos.
De alí, daquel chan
tan alto en extremo,
se ve toda a vila
cos seus arrodeos.
Se ve o mar bravo,
se ve o mar quedo,
de Ons e do Tambo
as illas ao lexos.
Se ven Portonovo
e, xunto San Xenxo,
Marín e Combarro,
Lourido e Campelo.
Se ven o Castrove
e mais Montecelo,
tamén San Zibrán
e mais o Castelo.
Do norte está posto
o lindo convento
dos frades de Lérez,
que está nun outeiro.
Alí donde sempre
van muitos romeiros
ao San Benitiño,
santiño ben feito.
Tamén de aquel chan
se ven, que están preto,
os olhos da Ponte
e o Burgo pequeno.
Morrazo, se fora
máis chan seu terreo,
se vira de frente
casi todo enteiro.
Por fin os navíos
e barcos dos pescos
se ven navegar-e,
e máis se están quedos.
Os olhos se fartan
con tanto recreo
de terra, de verde
de mar e de ceo.
Alí no chan dito,
subindo e decendo,
a xente se para,
relouca de velo.
Se asenta no chan
ou sobre un penedo
e colle refolgo
co vento mareiro.
Alí as meniñas,
as mozas, os nenos,
as velhas, os mozos,
os homes, os velhos,
que veñan, que volten
á vila, ao eido,
almorzan, merendan
e failles proveito.
Frangullas de pan,
migallas de queixo,
castañas mamotas
ou froita do tempo
se compran na vila
por pouco diñeiro;
ameixas e ostras,
centolas, cangrejos,
e mais caramuxos,
que compran por centos,
ou berberichiños
que ten pouco prezo.
Alí os escochan
con mans ou con ferros,
os chuchan ou comen
con moito sosego.
Por iso aquel chan
está sempre cheo
de cachos mariños,
Cando están tan lexos.
Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro