A Fernando García Penas regaláronlle a luz nun cuarto da casa número 23 da Avda. de Lugo en Palas de Rei no ano 1967, o 17 de xuño. É o sexto de nove irmáns. No devandito pobo estuda a EXB. O ensino secundario desenvólveo entre Ponteareas, Zamora e Santiago de Compostela; onde tamén estuda Filoloxía Clásica e obtén a licenciatura en 1990. Así mesmo, entre os anos 1993 e 1996 estuda Teoloxía para Segrares no Instituto Teolóxico Compostelán.
Profesor de Grego no Seminario Menor da Asunción en Santiago entre os anos 1991 e 1996, e de Latín e Grego no Instituto Teolóxico Compostelán entre 1994 e 1996. No ano 1994 comeza a súa dedicación ao ensino público en numerosos institutos de Galiza. Actualmente exerce como profesor de Latín e Grego no IES do Camiño de Palas de Rei dende o 2007.
Amante insurrecto da Ulloa, da aldea e as súas xentes, dese mundo que caladamente, mudo, esmorece, da lingua que o criou, da besta indomable do mar, de Galiza. É respectuoso co lobo e atesoura os contos que súa nai sobre el lle contou.
Afeccionado á poesía dende a xuventude, á lectura e a canta arte teña que ver principalmente coas letras e o coidado do ben falar. Ten publicado nos anos noventa algún poema nas desaparecidas revistas Garabanzo Negro e Palacio do Rei; época na que tamén obtén o 1º premio no I Concurso de Poesía A CAPELA, en Vilar de Donas, no 1994. Máis recentemente publicou algún poema nos libros colectivos de Roteiro das Artes de Taboada e Chantada no 2016. Así como nos números 19 e 20 da revista Xistral do 2016 e 2017, respectivamente.
No ano 2003 publicou o artigo A CRÓNICA do bispo Hidacio na revista Compostellanum. Unha introdución e tradución deste primeiro cronista galego.
Colabora co grupo Metátese Teatro de Palas de Rei entre os anos 1992 e 2000 como técnico de luz. Actualmente contribúe como guionista nos Festivais de Teatro Escolar que este grupo de teatro organiza todos os anos en distintos lugares de Galiza.
Cando no ano 2011 comeza a andadura o roteiro teatral Son d´Aldea, participa na súa organización como guionista, guía e creador de varias das súas escenas ano tras ano. Contribuíu no libro de creación colectiva Alento animal sobre este roteiro no 2017 co establecemento do texto e a escritura dalgunha das súas escenas.
Tamén como guionista e actor participou na curtametraxe Curuxás no 2016, con un grupo de profesores do centro de ensino. Curta que mereceu unha Mención do xurado no Festival de Curtas OUFF Escola de Ourense. Así mesmo, no 2018, colaborou como actor na película Longa noite do director Eloy Enciso, aínda pendente de ver a luz.