Sempre se gloriou a,a,a e,e,e ese, esa toda xente que,e,e mandou facer todas estas, estes grandes edificios como,o,o a torre de Pambre, non? Pero sempre me lembrei e,e,e da xente que realmente fixo, e da xente que, e,e,e estaba por abaixo, e de, de,e,e e os labregos que,e,e inusitadamente, pois tiñan que poñer moitas veces o seu tempo na torre de Pambre. Entonces, ocurríuseme este poema que titulei Submisos en Pambre. E si.
Óso de terra a pico rozado,
o canteiro e canteiro pola aresta
conforma a suor na pel do perpiaño,
acariña con alma de fera
a maza ó son da cantiga madre.
Golpe de sangue livián camiña,
salva o río de Remonde a Pambre,
quen, con alento, de lonxe o mira?
Pola mañá vai reson alegre,
facenda allea na anoitecida,
morada amante de amo indecente
con rabia foxe pedra estantiga.
Que mans ergueron tal valo ufano
sombra de fame, alma de miseria?
Sombreiro na man ó pasar do amo,
que látego axeonllou a colleita?
Por séculos de noite a cabalo
a man do señor pousa na amea,
no patio submiso, no agro estraño,
no pan reclinado na soleira.
Óso de terra a pico rozado,
tin, tin, tin ... calma o cicel o frío,
cen ferros señores na man altos
debruzan mil ventres campesiños,
cen fulgores na man arrogantes
obrigan mil fames no chan presas.
Proe nu polas gretas da carne
o brado fundido das aldeas.
Leguas á redonda a besta oculta
mandas de centeo manso, un rostro
para lembrar cavorcos de mudas,
acenos de preito e mudo acoro,
a paisaxe de seu atardecida,
a trasfega do carro entrabado
por onde a raia secular mirra
as ánimas secretas do barro.
Tin, tin, tin ... teso o cárcere xorde,
rexe o labor escravo na tarde,
no val do río maina rebole
a ladaíña de Remonde a Pambre.
De ti prende, torre solerniña,
a hedra negra de erguidas polainas
de mando, galanteo de cinza
agarra seco sangue da labra.
De ti prende polas brañas agres
cruel o azul das arterias, balbordo
lixeiro de blasfemias nas laxes
onde asentas, ferrado ollar longo
de cómaro traidor entre as tenzas,
entre as leiras abertas en chagas
que supuran soltas de escaseza.
O sol da xustiza de ti mana.
De ti flúe polas mirtas tépedas
da Ulloa un corazón distante,
as engurras de sortes efémeras,
a soberbia das armas desafiante.
Por dentro as mans tintinan cumpridas
hoxe a semente furtada, o xorne,
o froito soñado das espigas,
ceibo ronsel, de Pambre a Remonde.
Autor/a da transcrición: e~xenio