Se filmamos a vida, como se dunha apoloxía se tratase, acharemos fragmentos coherentes e discordantes que son espazos imperfeitos nunha liña de tempo que se fai a si mesma.
Temporalidades das que emana unha certa visión espiral do tempo onde non hai principio nin final, senón un bucle. Saír do bucle pode ser a consigna e deixar a trama disolverse en diferentes espazos, nembargantes falando, os espazos, por si mesmos.
O tempo crea (a visión en espiral) e os espazos falan, e aquí as accións poden ser vistas como performances que achan sentido nun xogo de comuñón (espiritual e material) na sintaxe fílmica. Non se opoñen, non rivalizan, séguense harmonicamente.
As secuencias pasan como anacos de vida. É un filme “doméstico” é un filme de segmentos da existencia que para a cámara adquiren a dimensión de Arte.
O doméstico é Arte.
O corpo é Arte.
A industria é (pode ser) Arte.
O tao é Arte.
ETC
Se queremos construír unha historia chocaremos de fronte coa non-historia, coas post-narracións. Sen esquecer o Grande Relato que é a vida. Xa non hai epopeias inaugurais. Só os restos dunha epifanía que outrora foi esencial. A esencia que xorde sendo per se un recordo. O cinema recorda: fai do pasado un presente. Un filme é un recordo. E que crea a posteriori recordos. (Recordamos o filme).
Desde o máis absoluto Real.