A historia mínima, as personaxes captadas no momento decisivo que non son os segundos nos que o obturador está a captar a imaxe senón algo máis que permite dilatarse facendo da composición en movemento unha acumulación de instantes decisivos. Deste xeito a posta en escena convídanos da arte da dramaturxia a acceder a códigos de interpretación que só eran aplicados a determinadas manifestacións artísticas. Este xiro leva a linguaxe fílmica a un punto onde está o xusto, o preciso, o que se converte en signo para dilucidar todo o entrabado da significación. Afeitas ao vínculo entre o cinema e a literatura ou o cinema e narración achegámonos a outra beira, aquela da plasticidade sendo fílmico per se o fundador da beleza. Beleza estética que non pode estar exenta de verdade.
O vídeo ten forma de collage cunha imaxe fotográfica central onde un home e unha muller conversan sobre a sociedade e a vida, o eu e o nós. O collage vén do feito de acubillar documentos doutra natureza: O metro en México D.F., unha conferencia de Ken Loach sobre os medios de comunicación, uns segundos coa pantalla en negro e un avión no aeroporto de Londres.