Anxos Sumai e Berta Dávila, Premios da Crítica en Narrativa e Poesía
25/4/2014

A AECL, da que fai parte a Sección de Crítica Literaria da AELG, deu a coñecer os Premios da Crítica 2014, resultando gañadoras as autoras:


Narrativa

 A lúa da colleita, de Anxos Sumai, Galaxia, Vigo, Editorial Galaxia, 2013.


Trátase dunha novela curta, de personaxes, na que os espazos -un horroroso edificio de apartamentos ao bordo dun cantil desde o que se abre a Ría de Arousa, e un estudo de pintor nos arrabaldes de Madrid- personifícanse e cobran significados simbólicos. A protagonista volve a un lugar do seu pasado de adolescente nos anos 70, para separarse de si mesma e refacerse xuntando os anacos rotos, vinte anos despois. O lector vai descubrindo aos poucos, a través de episodios sinistros e soños enigmáticos, que o tema da novela é o da tolemia, diseccionada artisticamente na súa dobre vertente de sufrimento e dereito a vivir á marxe da lóxica. A narración deixa un rastro poderoso de sensacións físicas: o olor, a luz, o movemento dos paxaros e o mar; á vez que acrecenta un inesgotábel buraco negro, do que xorden todos os medos.



Poesía

Raíz da fenda, de Berta Dávila , Edicións xerais de Galicia, Vigo, 2013

Poemario que dota dunha renovada linguaxe temas recorrentes na poesía galega actual, como a orixe, a casa, a identidade. Con aparente sinxeleza exprésanse a través da corporeización experiencias de dor psíquica representadas por gretas ou fisuras: a familia non escollida, a morte de quen amamos, o desamor e a reconstrución do eu... A creación poética nace do desexo de pechar esas fisuras. A autora ten habilidade para ir en busca da “palabra xusta”, e sorprender cos seus mil significados, en capas superpostas, profundando nelas.


[Texto de Olivia Rodríguez]