Foto da actividade

O día 24 de outubro de 1998 a directora de Festa da Palabra silenciada, María Xosé Queizán recibiu unha homenaxe en Vigo, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), motivo polo que a Concellería de Cultura e o pleno do Concello, decidiron adxudicarlle o nome da escritora a un parque desta cidade. O acto comezou no propio parque, no que se descubriu primeiro unha placa co nome Parque da Escritora María Xosé Queizán, e despois un monólito de granito rosa, cuns versos da poeta gravados:

 

Escribo para ti

As letras son vínculos de amiga, pontes

Ponte como queiras para lerme

Ponte para o íntimo encontro

Ponte a miña conciencia

E déixame a túa

Ponte debaixo da magnolia. 

(de Fóra de min)

 

 

No mesmo lugar, a carón do monólito, foi colocada unha magnolia, árbore predilecta da escritora que as asistentes, literatas e poetas, a Concelleira de Cultura Maite Fernández, o alcalde, e público amigo contribuíron a plantar.

Tamén do parque, baixo unha choiva miúda que tinguiu o acto dunha estética rosaliana, falou o alcalde de Vigo, Manuel Pérez destacando a importancia da figura de Mª Xosé Queizán para a cultura de Vigo, caracterizada pola súa enorme liberdade persoal e o seu criterio independente, que contribuíu ao desenvolvemento feminino e ao florecemento da cultura deste país. Envolveron o acto de poesía unhas garimosas palabras de Xosé María Álvarez Cáccamo.

Acto seguido, foi ofrecida unha recepción no Museo de Castrelos, onde Miguel Anxo Fernán-Vello, nun demorado percorrido do currículo de Mª Xosé, e o Vicepresidente da Asociación de escritores, puxeron de manifesto os méritos polos que se outorgaba este premio a María Xosé Queizán. Para concluír, a escritora recibiu o "E", unha talla en madeira, realizada polo escultor Colla, que é o galardón que cada ano a Asociación concede a unha escritora o escritor en recoñecemento ao seu labor literario.

Como remate desta recepción, falou Mª Xosé Queizán agradecendo aos promotores da homenaxe o esmero e a ilusión postos no mesmo así como ao Concello de Vigo, modelo de conduta democrática, que sabendo a súa actitude crítica e disidente, ("eu sei que son unha escritora incómoda") non puxo condición á petición da Asociación de Escritores.

O "xantar de fraternidade" coa escritora celebrouse no Restaurante El Castillo no monte do Castro, onde @s escritor@s ofreceron un simpático e agarimoso recital poético.

A continuación, queda resumidas algunhas intervencións no acto en forma de discursos (o primeiro que aparece dá conta da traxectoria vital da escritora), e poemas dedicados a Mª Xosé Queizán ao longo da xornada festiva.

 

"Sr Alcalde, Señor Subdelegado do Goberno, Señora Concelleira de Cultura, Señora Delegada Provincial de Cultura de Pontevedra, Autoridades culturais e literarias, Homes e Mulleres da República das Letras, señoras e señores, amigas e amigos:

A Asociación de Escritores en Lingua Galega ten hoxe a ledicia , aquí en Vigo, de celebrar esta edición de O ESCRITOR NA SÚA TERRA/A ESCRITORA NA SÚA TERRA, para, nesta cuarta convocatoria -foron antes as de Antón Avilés de Taramancos, Bernardino Graña e Manuel María-, renderlle homenaxe á escritora viguesa María Xosé Queizán.

Fundimos ás raíces da árbore coa pedra nobremente chantada, unha vez máis, para deixar memoria viva da nosa admiración e gratitude pola obra dos escritores e escritoras de Galicia. Por iso hoxe, aquí en Vigo, cumprimos o noso rito familiar e fraternal e a árbore e a pedra de María Xosé Queizán fican xa dispostas a seren, xunto co parque que leva o nome da escritora, realidade feliz e xustiza poética, amparadas pola luz entrañábel desta cidade atlántica que vibra nos versos conmovidos de Martín Códax.

María Xosé Queizán, nacida en Vigo o 5 de febreiro de 1939, poeta, novelista, dramaturga e ensaísta é unha das grandes figuras das letras galegas contemporáneas e unha personalidade sobranceira no conxunto da cultura e do mundo intelectual da Galicia do século XX.

Licenciada en Hispánicas e Galego-Portugués, na actualidade é Catedrática de Lingua e Literatura galega no Instituto Alexandre Bóveda de Vigo, cidade na que reside e cidade-eixo da súa existencia e das súas preocupacións vitais, sociais e culturais.

No ano 1959 foi fundadora e intérprete do Teatro de Cámara e Ensaio da Asociación da Prensa de Vigo e, igualmente, foi creadora e directora, a partir do ano 1967 do Teatro Popular Galego.

Entre outras responsabilidades e cargos derivados da acción humana e intelectual de María Xosé Queizán, están o de ser directora da Revista Festa da Palabra silenciada, directora do Grupo Teatral de FIGA (Feministas Independentes Galegas), directora da Galería de Arte Roizara de Vigo e Vicepresidenta do Consello Municipal da Muller de Vigo.

Conferenciante en distintos foros galegos, españois e europeos, MXQ ten impartido numerosos cursos especializados en temas relacionados coa literatura e o feminismo, temática na que está recoñecida como unha autoridade en todo o Estado español. No ano 1996 organizou e dirixiu, con grande éxito, na cidade de Vigo, o Encontro das Poetas Peninsulares e das Illas, evento que reuniu a algunhas das máis importantes creadoras líricas de Galicia e do resto do Estado Español.

Tradutora ao galego de, entre outras autoras, Margarite Yourcenar, Charlotte Perkins Gilman e Karen Blixen, María Xosé desenvolve tamén unha intensa actividade xornalística, encetada en El Pueblo Gallego de Vigo, que abrangue, entre outros medios de comunicación, a Faro de Vigo (arredor de 300 artigos publicados), La Voz de Galicia, La Región, Diario de Galicia, El Progreso, A Nosa Terra e Diario16 de Galicia. Da mesma maneira, o seu nome como colaboradora figura en prestixiosas revistas como é o caso de Teima, Triunfo, Grial, Boletín Galego de Literatura, Revista Galega de Teatro, Escrita, Festa da Palabra silenciada, Andaina, Luzes de Galiza, Tintimán, A Trabe de Ouro, Galicia Literaria, Galeuzca e Espacios en Espiral, entre outras.

Considerada pola crítica como unha das máis importantes escritoras galegas, a obra de MXQ, traducida ao castelán, inglés e francés, abrangue todos os xéneros literarios e conforma un patrimonio artístico e estético de gran valor galego e universal no que se funden ideas e pensamento, lírica e compromiso humanista, indagación do ser persoal e colectivo e conciencia profunda da realidade de ser muller en todas as súas proxeccións no mundo.

No apartado da novela iníciase no ano 1965 con A orella no buraco, á que seguirán Amantia (1984), O segredo da pedra figueira (1986), A semellanza (1988), Amor de tango (1992) e O solpor da cupletista (1995). Como narradora, de igual xeito, publica os contos Tolería para unha desmitificación (1972), Eros e Tánatos (1977), O tapete de ganchilli ( 1978) e As botas (1990).

Na súa calidade de poeta, María Xosé Queizán -que exerce unha gran influencia na poesía actual escrita por mulleres- publica Metáfora da metáfora (1991), Despertar das amantes (1993) e Fóra de min (1994).

Como autora teatral ven a luz os textos: Antígona, a forza do sangue (1989) e Parados (1989).

No apartado do ensaio, no que María Xosé Queizán está considerada unha pioneira en Galicia e unha clásica de xénero, publica A muller en Galicia (1977), A nova narrativa ou a loita contra o sentimentalismo (1979), Recuperemos as mans (1980), Evidencias (1989), A muller galega no ensino (1981), Escrita da certeza (1995), Marxismo e feminismo (1995) e A guerra permanente: a perspectiva feminista da paz (1996).

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), en calidade de órgano superior de representación dos escritores e escritoras de Galicia, entrega o seu premio de prestixio e máximo galardón da entidade, a "Letra E", de Escritora, a María Xosé Queizán, recoñecendo na súa figura a unha das escritoras e escritores máis importantes que deu Galicia despois de Rosalía de Castro, fortemente enraizada na súa terra e, en particular, na cidade de Vigo. Unha escritora lúcida e total, fondamente comprometida co ser humano. Unha autora fiel á lingua propia de Galicia, cultivada cun elegante sentido da modernidade e cunha indeclinábel afirmación ética e literaria.

Unha creadora de mundos e de personaxes que nos atinxen, desde a fábula, desde a fábula ao exercicio da memoria, desde a experiencia do ser individual é práctica da perspectiva histórica, iluminando sobre nós unha vía de coñecemento. Unha pensadora centrada na causa ética e social da dignidade e da liberdade da muller, desde unha posición de radical humanismo. Unha poeta labrada a si mesma na mellor das tradicións para unir a un carácter textual crítico e desmitificador o discurso dunha nova sensibilidade. En definitiva, unha escritora do noso tempo e da nosa terra, unha referencia fundamental no presente e unha referencia inescusábel no futuro”.

 

Miguel Anxo Fernán-Vello, 24 outubro, 1998

 

 

Magnolia

para María Xosé Queizán

 

Cando a flor de magnolia

Tinxa de violeta

A lámina da tarde

No xardín da poeta

María Xosé Queizán,

Sentareime nun banco

Cunha copa na man

E brindarei por ela.

No espello do solpor

¡ela estará tan bela...!

E un día, no serán,

Sen copa nin licor,

Cos meus fillos da man

Irei saber da cor

Da magnolia. Darán

As sete sobre o mar.

Os meus fillos verán

O lóstrego da hora

Violeta do ar.

"Unha luz que namora,

-direi eu- a escritora

María Xosé Queizán".

 

Xosé María Álvarez Cáccamo, outubro, 1998