A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou no día 4 de maio, ás 20.00 na Casa da Parra de Santiago de Compostela un Encontro de Benvida á Galiza cos socios e socias da Aelg, do escritor angolano Artur Pestana “Pepetela”, durante o que o autor lusófono, Premio Camões 1997 (distinción equivalente ao Premio Cervantes) deu unha conferencia-coloquio, coa presenza do Concelleiro de Cultura de Santiago de compostela, Sr. D. Néstor Rego, e do Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Vexa aquí as palabras do Presidente da Aelg
O escritor africano estivo por primeira vez no noso país para recoller o Premio Internacional da Aelg 2007 “Escritor Galego Universal”, galardón que naceu para significar aqueles autores e autoras cuxa obra e personalidade conteñan un alto contido ético e estético que os/as convirtan nun referente para o seu pobo na defensa da dignidade nacional e humana.
Pepetela é o pseudónimo de Artur Carlos Maurício Pestana dos Santos. Escritor angolano que naceu en 1941, en Benguela.
Foi alumno do Instituto Superior Técnico, e da Facultade de Letras, en Lisboa, Portugal, e estudou Socioloxía en Francia e en Alxeria.
Foi comandante do Movemento Popular de Liberación de Angola (MPLA), viviu o exilio e loitou como guerrilleiro pola liberación do seu país.
Licenciado en Socioloxía exerce a docencia na Facultade de Arquitectura de Luanda.
Foi Viceministro de Educación de Angola.
En 1997 recibiu o Premio Camões, a distinción equivalente ao Premio Cervantes.
En 1980 recibiu o Premio de Literatura Africana, da Unión de Escritores de Angola, pola súa obra "Mayombe".
A súa obra literaria foi obxecto de ampla atención por parte de numerosos estudiosos e dun altísimo nivel de valoración tanto pola crítica como polos lectores.
Está considerado como un dos principais representantes da literatura angolana e un dos principais escritores en lingua portuguesa.
http://www.aelg.org/activ/filesdownload/Pepetelabiografias.pdf
http://www.aelg.org/activ/filesdownload/BibliografiaPepetela.pdf
http://www.aelg.org/activ/filesdownload/EntrevistasPepetela.pdf
O premio foille entregado no transcurso da Cea das Letras, o sábado día 5 de maio ás 21:00, no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela, da man da Conselleira de Cultura e Deporte, Dona Ánxela Bugallo Rodríguez. Así mesmo, durante a Cea foi entregado á Radio Galega, polo seu programa “Diario Cultural”, o Premio Aelg 2007 para Institucións, e déronse a coñecer os gañadores ou gañadoras dos Premios Aelg nas categorías de Teatro, Literatura Infantil e Xuvenil, Ensaio, Tradución, Narrativa, Poesía e Mellor Traxectoria Literaria do 2006.
A Aelg organizou en colaboración coas tres universidades galegas senllas conferencias do Sr. Pepetela aproveitando a súa estadía entre nós. Son as seguintes:
7 de maio, 20.00, Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela:
Conferencia. Entrada libre.
8 de maio, 12.30, Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña:
Conferencia. Entrada libre.
10 de maio, 17.00, Edificio Miralles da Universidade de Vigo:
Conferencia. Entrada libre. Ás 18.30, actuación de Ruote.