Mahmoud Darwich
Nado en Birwa, aldea de Galilea (Palestina), pasa alí a súa infancia até 1948, data en que a súa familia é forzada ao exilio no Líbano. Cando os seus pais tentan retornar a ela é para constatar que a súa aldea foi destruída e substituída por unha colonia xudaica. Diríxense entón para Dayral-Assad, onde viviron en semiclandestinidade.
Este home, que non pertenceu a ningún partido político, que venerou a patria, tornouse o portavoz de todo un pobo, alén do seu mellor representante no mundo.
Foi o fundador e director dunha das principais revistas literarias árabes, Al-Karmel, cuxos arquivos foron destruídos polo exército israelí, no cerco a Ramallah.
Mahmoud Darwich é un dos máis grandes poetas árabes contemporáneos. Soubo mesturar a beleza do verbo e a profundidade do sentido. Soubo describir o sufrimento palestino, mais tamén a determinación do seu pobo a opoñerse, sobrevivir, ser. Recoñecido como a voz da Palestina, a súa pluma soubo deseñar o contorno dos soños e as aspiracións do pobo palestino.
Os seus poemas cruzaron rapidamente as fronteiras palestinas. O poema “Identidade” converteuse nun himno cantado en todos os países árabes. É coñecida a intensidade da súa poesía, constantemente preocupada pola exploración das posibilidades rítmicas e melódicas da lingua árabe. Do mesmo modo, coñecedor da lingua hebrea, a súa poesía alberga constantes referencias á Biblia, ao Corán ou Exipto, e apréciase unha notábel carga simbólica e unha fundamental preocupación estética. Este poeta tendeu coa súa obra pontes entre ámbitos culturais de diversa natureza que habitualmente permanecen arredados uns doutros.
Soubo cantar o amor, a resistencia, o sufrimento e a esperanza, e resumirá en 2002, durante a segunda Intifada, a capacidade de resistencia dos palestinos con estas palabras: "Sufrimos dun mal incurábel que se chama esperanza."
Faleceu o 9 de agosto de 2008.
Intervencións no acto de entrega do Premio:
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Aelg, en galego, en árabe.
Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura e Deporte, en galego, en árabe.
Mahmoud Darwich, en árabe, en galego.
O día anterior, 17 de abril, o Poeta Nacional Palestino deu unha Conferencia-Coloquio, convidado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e coa colaboración da Fundación Araguaney, no Salón de Convencións do Hotel Araguaney, en Santiago de Compostela, ás 20:00.
Para ler a Presentación da Conferencia-Coloquio feita por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg, clica aquí.
Para ver obra de Darwich traducida (por Xavier Frías-Conde), clica aquí.
Para ver obra de Darwich traducida (por Olga Patiño), clica aquí
En 2012 Barbantesa editou Carné de identidade, en tradución de Moncho Iglesias e Samar Sabat, obra finalista nos Premios AELG 2013.