o poema arredor da moreira
verme de seda
Xosé María Álvarez Cáccamo
XXI EDICIÓN DA HOMENAXE “O ESCRITOR NA SÚA TERRA – LETRA E”
Xosé María Álvarez Cáccamo
Concello de Vilaboa
6 de xuño de 2015
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou en 2015 á súa XXI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé María Álvarez Cáccamo, que foi homenaxeado no Concello de Vilaboa, onde chantou as súas raíces hai 25 anos.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha moreira branca elixida polo propio autor), a colocación dunha escultura conmemorativa e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso ao Parque Público Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo.
11.30 Parque Público Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo (Santa Cristina de Cobres, a carón do CEP Plurilingüe de Riomaior)
Descubrimento da escultura conmemorativa e plantación da moreira branca (árbore simbólica do escritor)
Interveñen:
•Xosé María Álvarez Cáccamo
Descubrimento da placa que atribúe o nome do homenaxeado ao parque
12.15 Casa da Cultura de Riomaior (Santo Adrián de Cobres)
Acto de entrega da “Letra E”
Interveñen:
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
14.00 Pazo de Larache
Xantar de confraternidade.
---
Consonte este novo século prosegue a súa andadura, máis se engrandece a figura de Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) e máis vasto é o espazo que ela vai ocupando para a nosa historia na estima de toda persoa que se mova no ámbito da creación literaria galega. Autor emblemático da xeración poética dos 80, intenso e múltiple, polifacético, impenitente curioso sempre en procura de novos xeitos (e xestos) de beleza (non só na creación literaria, mais tamén, por exemplo, nas cunchas mariñas e no poema-obxecto), a súa vitalidade extrema, que carece dun tope definido, e a súa índole xenerosa sempre serán causa de novas maneiras de sorpresa, de compromiso cívico ou de irada protesta contra a barbarie.
A súa vida, que provén de eminente estirpe de escritores e que el relatou brillantemente nun libro de memorias e, aliás, reflectiu de contino nos seus poemas maxistrais, decorreu primeiramente –e sobre todo– no barrio das Travesas de Vigo e na exaltación dos veraos de Coruxo, na beira da ría, para, co tempo, se desprazar, en novo círculo familiar, até os Cobres, no concello de Vilaboa, e en concreto o sobranceiro lugar de Vilar, desde onde asiste todos os días ao espectáculo singular da enseada de San Simón e no que xa se considera un arraigado, un veciño máis. E é nese cativador escenario onde o noso Pepe Cáccamo se dispón a ser declarado –en irónica redundancia– escritor e a plantar a moreira branca, da que a follaxe se derrame sobre si e sobre esa terra, en perenne sedución.
----
ANTERIORES MERECEDORES/AS DESTE GALARDÓN
I Edición
ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
1995 • Boa, Taramancos
II Edición
BERNARDINO GRAÑA
1996 • Cangas do Morrazo
III Edición
MANUEL MARÍA
1997 • Outeiro de Rei
IV Edición
MARÍA XOSÉ QUEIZÁN
1998 • Vigo
V Edición
XOSÉ NEIRA VILAS
1999 • Gres, Vila de Cruces
VI Edición
UXÍO NOVONEYRA (póstumo)
2000 • Parada do Courel
VII Edición
LUZ POZO GARZA
2001 • Ribadeo
VIII Edición
XOSÉ CHAO REGO
2002 • Vilalba
IX Edición
XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO
2003 • Nogueira de Ramuín
X Edición
SALVADOR GARCÍA-BODAÑO
ZUNZUNEGUI
2004 • Teis, Vigo
XI Edición
PURA E DORA VÁZQUEZ
2005 • Ourense
XII Edición
MARÍA DO CARME KRUCKENBERG
2006 • Vigo
XIII Edición
MANUEL LOURENZO
2007 • O Valadouro
XIV Edición
XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR
2008 • Melide
XV Edición
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
2009 • Vilalba
XVI Edición
MARILAR ALEIXANDRE
2010 • Santiago de Compostela
XVII Edición
PACO MARTÍN
2011 • Lugo
XVIII Edición
XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS
2012 • Ribadeo
XIX Edición
MARICA CAMPO
2013 • O Incio
XX Edición
XABIER P. DOCAMPO
2014 • Castro Ribeiras de Lea