Foto da actividade
O Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’ reúne na súa terceira edición e durante unha semana na Illa de San Simón, en Redondela, sete recoñecidos poetas e, á vez, tradutores literarios procedentes de diversos países.
Baixo a coordinación de Yolanda Castaño e do vindeiro 13 ao 18 de outubro, Karlis Verdins (Letonia), Katerina Rudcenkova (República Checa), Leire Bilbao (Euskadi), Marilar Aleixandre (nacida en Madrid e cuxa obra literaria desenvolveu en galego), Alvin Pang (Singapur), Catharina Gripenberg (Finlandia) e Cosmin Perta (Romanía) terán oportunidade de compartir un enriquecedor traballo de transvasamento lingüístico dos seus textos aos distintos idiomas presentes no obradoiro, co inglés como lingua vehicular.
 
Recitais poéticos en galego e nas linguas orixinais
O Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’ constitúe unha iniciativa pioneira en Galicia, concibida a semellanza das que se realizan noutros países, que se completa cunha programación de actividades abertas a todo o público e gratuítas. A primeira delas terá lugar o 15 de outubro, ás 20 horas na Casa das Campás de Pontevedra, onde terá lugar un recital poético multilingüe en colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra, cunha mostra do traballo poético dos autores e autoras do obradoiro como do labor de tradución ao galego durante o proxecto.
 
Ao día seguinte, ás 13 horas, celebrarase na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo unha mesa redonda sobre a tradución poética, que se acompañará cun recital. Outra lectura poética, neste caso de cada un dos poetas no seu idioma orixinal xunto coas versións en galego dos textos recitados, poralle o broche de ouro ao obradoiro o venres 17 de outubro, ás 20 horas, no Multiúsos da Xunqueira de Redondela.