A Federación Galeusca, integrada pola Asociación de Escritores en Lingua Catalá (AELC), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e Euskal Idazleen Elkartea (EIE) celebrou o seu encontro anual o primeiro sábado de outubro en Barcelona. 

O tema central desta reunión foi «A profesionalización do oficio de escribir e traducir». Presentouse o estudo do CoNCA "36 propostas para a mellora da condición profesional no mundo da cultura" e o estudo, realizado pola AELC, "Escribir en catalán: estado da profesionalización. Os efectos da crise económica sobre o colectivo de escritores", a cargo dos seus autores. Representantes das delegacións galega e vasca interviron para expor a situación no seu ámbito territorial, e houbo espazo de debate e reflexión.
 
A delegación galega estivo formada por Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, Mercedes Queixas, secretaria xeral, e os relatores Ledicia Costas e Suso de Toro; a delegación vasca por Jasone Osoro, presidenta EiE), Maite Toledo e Yolanda Arrieta. 
 
O mesmo día, despois da asemblea anual da Federación, Maria del Mar Bonet puxo o colofón do encontro cun recital poético e musical.
 
 
Programa
 
11:00h.
Presentación do estudo realizado polo CoNCA: "36 propostas para a mellora da condición profesional no mundo da cultura", a cargo do bufete de avogados Brun & Guiu: Joan Antoni Borrell Alonso (temas laborais), Lluís Brun Menéndez (temas de contratación e propiedade intelectual) e Josep Guiu Badia (temas fiscais).
Intervención por parte das tres asociacións sobre os temas do estudo (temas do ámbito tributario, laboral, contractual e formativo).
 
16:00h.
Presentación do Estudo "Escribir en catalán: estado da profesionalización. Os efectos da crise económica sobre o colectivo de escritores", a cargo dos sociólogos autores do estudo: Marc Aguilar e Lluís Mangot.
Problemas da profesionalización nas letras vascas e galegas a cargo dun representante de cada asociación.
 
18:30h.
Asemblea anual da Federación Galeusca.
 
19:30h.
Actuación de Maria del Mar Bonet con Borja Penalba.
 
 
O lote de fotografías 1 a 310 da fototeca anexa son da autoría e propiedade de Carme Esteve (Relats Fotogràfics).