25 de outubro de 2014
Co apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo
Foto da actividade
 
Salón de actos da Deputación de Lugo
Rúa San Marcos, 8 | Entrada libre e gratuíta
 
 Vexa aquí as actas da Xornada.
 
Falamos de usos e crenzas arredor de amuletos e reliquias, esas cousas boas que fan de intercesores entre os humanos e as potencias (sexan estas deuses ou demos) do sobrenatural. 
Os amuletos son obxectos, xeralmente pequenos e portátiles, que atendendo á forma ou ao material do que están feitos usáronse  e aínda se usan, segundo crenzas ben arraigadas, para atraer a sorte ou para afastar o mal. 
As reliquias teñen a orixe no martirio dos primeiros cristiáns, cuxos restos eran  conservados e venerados. No século XVI o Concilio de Trento acrecentou este tipo de culto e propagou a fe masiva nos seus efectos beneficiosos, pondo en marcha, de paso, un fascinante negocio. 
Estoxos, medallóns, escapularios ou relicarios con presuntos fragmentos  do corpo ou de lugares santificados son o gran reclamo comercial de catedrais, igrexas e santuarios, como o é a posesión e a manipulación de amuletos para toda caste de taumaturgos. 
Contamos co saber de especialistas como Mª Rosa dos Santos Capelão, investigadora das funcións, usos e prácticas das reliquias ou “santas medicinas” en Portugal, Eusebio Rey Seara, historiador especialista en amuletos da época romana en Galicia, o escritor Calros Solla, propietario dunha colección de máis de 300 amuletos e talismáns (alicornos, pedras da pezoña …) e con Alfonso Blanco Torrado, crego rural con longa experiencia como observador dos usos, tanto de amuletos como de reliquias.
Maxia, fe, razón, superstición? Velaí a cuestión.
 

 
PROGRAMA
 
10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG

10.30 - 11.30 Conferencia
O racional e o irracional do culto de reliquias
Desde o Concilio de Trento para acó a igrexa católica regulou e controlou todo o relacionado co uso das reliquias, as “santas medicinas” que o pobo crente sempre demandou. A relatora expoñerá as conclusións das súas investigacións sobre o tema.
 
Rosa Maria dos Santos Capelão
Dende 2007 membro do CITCEM, Centro de Investigação Transdisciplinar Cultura, Espaço e Memoria, na área de Sociabilidades, Práticas e Formas do Sentimento Religioso, Facultade de Letras da Universidade do Porto. 
Actuais liñas de investigación: Comprensión do fenómeno das crenzas e dominios de (ir)racionalidade que habitan ao redor de procesos curativos; O papel da muller na representación de prácticas curativas no Portugal Moderno; A presenza feminina en espazos ultramarinos no período da Expansión.
Doutorada en Historia con distinción pola Facultade de Letras da Universidade do Porto (FLUP, Portugal), coa tese, “El culto de reliquias en Portugal en los siglos XVI-XVII: Contexto, Norma, Funciones y Simbolismo”.
 
11.30 - 12.30 Conferencia
Facianas da capacidade sandadora do pobo dende a nosa cultura
A protección da saúde é o eixe central das peticións dos crentes para obter o favor divino, razón pola que acode a santuarios e igrexas, someténdose aos ritos e prácticas tradicionais. 
 
Alfonso Blanco Torrado
Crego e dinamizador cultural no ámbito rural, profesor do IES “Díaz Castro” de Guitiriz. Como párroco rural ten unha longa experiencia como observador privilexiado dos usos tanto de amuletos como de reliquias neste ámbito.
Realizou estudos eclesiásticos en Santiago de Compostela e na Universidade Pontificia de Salamanca. Desde 1976 é párroco de varias parroquias de Guitiriz. Como activista social e cultural funda en 1976 a Asociación Cultural de Guitiriz, agora coñecida como Xermolos, e dirixe as publicacións "Guieiros", Cadernos e Revista Xermolos. Creou o Museo de Arte e Cultura Relixiosa Popular, tras a recuperación do Santuario de Nosa Señora de Bascuas, a Escola de Música Tradicional, Escola de Canteiros, Cadernos de temas etnográficos, Biblioteca Pública Xermolos, etc. Foi o fundador do Festival de Pardiñas (1980), da Feira e Festa da Música e da Arte e dos premios de Guitiriz de Pintura, Escultura e Fotografía. Coordina a Asociación Sociocultural X. M. Díaz Castro e a Fundación Manuel María da Terra Cha. É autor de numerosos traballos publicados en revistas como "Irimia" e "Encrucillada". Recibiu o premio Ánxel Fole de Ensaio pola obra Xosé María Castro. A Ascensión dun poeta, o premio IAR de Folclore, o Moncho Valcárcel "pola promoción da Terra" e o Premio Solidariedade 2002.
 
12.30 - 14.00 Mesa redonda. 
Usos, abusos e outras prácticas relacionadas coas “santas medicinas”
Rosa Maria dos Santos Capelão e Alfonso Blanco Torrado
Coordina: Antonio Reigosa
Oportunidade para que o público asistente poida facer preguntas, así como para o moderador pór en relación as dúas conferencias previas e así ampliar puntos que se consideren de especial interese.
 
16.00 - 17.00 Conferencia
Amuletos e reliquias: usos e crenzas. Unha mirada na antigüidade
O coñecemento do uso dos “obxectos de poder”  mundo clásico antigo é fundamental para entender a súa función na sociedade actual. O relator, especialista en amuletos do mundo romano na antiga Galaeccia, achegáranos ese saber a través dos textos e dos achados arqueolóxicos que se conservan.
 
Eusebio Rey Seara
Arqueólogo especializado na cultura clásica, os seus traballos céntranse na maxia e crenzas antigas, na difusión do patrimonio cultural e na divulgación científica da cultura clásica. Obtivo diferentes becas nacionais e internacionais e participou en intervencións arqueolóxicas tanto no campo académico como no privado. Realizou traballos de documentación e asesoramento científico en museoloxía en diversas montaxes expositivas e participou na redacción dos catálogos das mesmas. Ten publicados traballos en revistas científicas e de divulgación arqueolóxica. Desde hai anos leva a cabo o estudio dos amuletos romanos, sobre todo na Península Ibérica.
 
17.00 - 18.00 Conferencia
Amuletos, talismáns e pedras da fartura. Obxectos de poder da Galiza tradicional
O estudo da nosa cultura popular tradicional ofrece a posibilidade de ver e tocar numerosos tipos de amuletos, en moitos casos aínda en uso. Esta é oportunidade que nos ofrece o  relator que, ademais de investigador, é coleccionista destes obxectos.
 
Calros Solla
É profesor de historia e lingua galega, etnógrafo e escritor. Membro fundador do colectivo cultural e ecoloxista Capitán Gosende.
No eido poético, foi merecente do Premio de Poesía Johán Carballeira (2010) polo poemario MazinGZ e do Premio de Poesía Victoriano Taibo (2011) polo poemario Holocausto zacoe. No xénero da retrónica, publicou reGaliza e outras chuches (2008) e O orgullo do gurgullo (2012), tributo á Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) no seu 25 aniversario.
No eido histórico-etnográfico, como estudoso da bisbarra de Terra de Montes, forneceu a súa colección “Cerdedo in the Voyager” cos seguintes títulos: Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral (2002), Cerdedo na obra do Padre Sarmento (2002), Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (2005), Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007),  Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008) ‒o seu labor de estudo e divulgación do monte do Seixo foi merecente do Diploma de Honra outorgado polos Amigos da Cultura Celta (Narón, 2011)‒, Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo (2008), Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009), O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo (2011), O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (2011), O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo (2012), O crime de Pardesoa (2013) e As pedras da tribo. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II (2014). 
Así mesmo, como colaborador da asociación cultural e ecoloxista Vaipolorío, deu ao prelo: Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos Gafos (2009), O demo asubiador (2014) e O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos (1745-1970) (2014).
É artífice dos itinerarios culturais Roteiro Sarmento (Cerdedo), de 2002, Roteiro da Montaña Máxica (monte do Seixo), de 2006, Roteiro da Pantalla (Cerdedo), de 2011, e Roteiro polo Pedre milenario (Cerdedo), de 2013, inseridos no seu Proxecto Montaña Máxica, co que porfía, a carón da colección de ensaios “Cerdedo in the Voyager”, na dignificación da terra cerdedense. Xunto co Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca realizou o documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica (2009). En 2012-13, comisariou a exposición “De rezos a conxuros” (colección particular de amuletos, talismáns e outros obxectos de poder da cultura tradicional) no Museo Etnográfico Liste (Vigo), que foi visitada por preto de dez mil persoas.
Á súa angueira investigadora e creativa engádeselle a súa faceta de conferenciante no ámbito da mitoloxía popular e da defensa do patrimonio. Adoito colaborador da prensa escrita (de xeito cotiá, no xornal Faro de Vigo). Mantén na internet os blogs O Embigo do Becho e Cerdedo in the Voyager.
 
18.00 - 19.30 Mesa redonda
Entre a maxia e a razón. O enigmático poder dos amuletos
Eusebio Rey Seara e Calros Solla
Oportunidade para que o público asistente poida facer preguntas, así como para o moderador pór en relación as dúas conferencias previas e así ampliar puntos que se consideren de especial interese.
Coordina: Isidro Novo
 
19.30 - 20.30 Mostra de amuletos e reliquias ao vivo: usos e crenzas explicados por propietarios/as e usuarios/as
 
 

 

 
 

 

 As cousas boas, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 25/09/2014)

Case todos gardamos na casa ou no bolso, por un se acaso, un amuleto! Un allo macho (o dun só dente), unha castaña de indias, unha figa (de acibeche, por suposto), un ollomao (embigo de Venus, ollo de boi Vidal), unha estampiña (bendicida), un dente (preferible un cairo de xabarín ou de lobo), unha pedra bezoar … Quen non se emociona, sobre todo se é crente, tocando ou vendo un anaco de óso, vestido ou pelo, por moi insignificantes que sexan, do que nos aseguran pertenceu a un santo ou santa, ou ao propio Xesús Cristo!

Son milleiros os obxectos que teñen recoñecida categoría de “cousas boas”, sexan amuletos ou reliquias, “obxectos de poder” capaces de prever ou curar enfermidades, de achegar a sorte e de afastar o mal fado. Non sabemos cómo actúan, nin por qué motivo acreditamos nos seus efectos. Por tradición, por profilaxe, mais se temos que dar un parecer, encollémonos de ombros e sentenciamos: Ben non fará, pero mal tampouco.

Os amuletos son eses obxectos, xeralmente pequenos e portátiles, que atendendo á forma ou ao material do que están feitos usáronse e úsanse, segundo crenzas ben arraigadas, para protexernos. En tempos era corrente levar canda un a “bolsa dos atavíos”, un “kit” de amuletos contra todo tipo de meigallos.

O culto ás reliquias ten a orixe no martirio dos primeiros cristiáns, cuxos restos eran conservados e venerados. O Concilio de Trento (s. XVI) acrecentou a devoción e propagou a fe masiva nos seus efectos beneficiosos, pondo en marcha, de paso, un lucrativo negocio arredor das reliquias e dos lugares onde se exhiben e custodian. Estoxos, medallóns, escapularios ou relicarios con fragmentos (normalmente presuntos) do corpo ou de obxectos cos que estivo en contacto o santo son o gran reclamo comercial de catedrais, igrexas, museos e santuarios, como o é a posesión e a manipulación de amuletos para toda caste de taumaturgos.

O próximo 25 de outubro, nunha xornada de portas abertas que se vai celebrar na Deputación de Lugo, varios especialistas expoñerán os seus coñecementos sobre os usos e abusos destes obxectos ao longo da historia. É case seguro que tamén se falará de amuletos fabulosos como son o po de corno de Unicornio (Alicorne, Alicornio) e a chamada herba cabreira.

Do Unicornio xa se fala nos libros sagrados e científicos dos primeiros séculos, e desde entón díxose que a parte nobre do animal, o seu marabilloso corno, proporciona todo tipo de beneficios. A Xoiería Refojo de Lugo confecciona e comercializa un anel que se fai con prata usada por sete mulleres chamadas María; leva un estoxo que se enche con po de corno de Alicornio e é útil contra a epilepsia.

A herba cabreira nace pasados sete anos no lugar onde expulsaron o bafo pola venta esquerda do nariz as crías das mulas. Entre as súas virtudes dise que posta na auga dun río nada contra corrente. Ademais, abre as fechaduras, protexe contra o hipnotismo e as visións. Os petos válense dela para furar as árbores e as andoriñas fan o niño con ela. Pero, se cadra, o mellor prodixio que obra é que se fregamos os cartos con ela, volven á carteira mesmo despois de usalos nun pago.

 

 

As reliquias de San Froilán, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 02/10/2014) 

Galicia é terra rica en santuarios e reliquias, e é ben seguro que a nosa historia, de non custodiarmos o santo corpo do apóstolo Santiago, sería radicalmente diferente. Reliquias que posuímos por designio divino ou polo que se chama Pio Latrocinio, furto tal o que argallou o arcebispo Xelmirez aló no s. XII cando mandou unha expedición de rapina a Braga e trouxo dunha tacada para Compostela restos dos santos Cucufate, Frutuoso, Silvestre e santa Susana; e ata a cabeza de san Vítor. Daquel botín só lles devolvemos aos nosos irmáns e veciños un dedo de san Frutuoso, pero para recuperalo tiveron que agardar ata 1967.

Tampouco sería a mesma cidade Lugo, nin tería as súas grandes festas outonais, de non contar con un anaco do corpo do patrón. En xaneiro de 1614 bispo, deán e cabido solicitaron autorización a Roma para traer  a Lugo desde Moreruela, en Zamora, “unha parte ou algunha reliquia do corpo do santísimo patrón”. A pesar de que unha bula do papa de entón, Pablo V, prohibía expresamente seccionar partes dos corpos de santos e mártires, o 13 abril do mesmo ano chegou a Lugo a tibia de san Froilán, óso que se expón na catedral nun relicario prateado con forma de brazo.

Froilán, fillo dunha incógnita santa Froila, regresaba (en parte) como santo venerable ao lugar que o vira nacer  800 anos atrás, aínda que non sería incluído no catálogo oficial de mártires e santos da igrexa católica ata 1716.

Mais que foi ou por onde andan os demais restos do corpo de San Froilán? Como  sucedeu coas reliquias doutros venerables, o seu corpo, que fora enterrado de primeiras na catedral de León, anda disperso, repartido entre tres mosteiros e dúas catedrais.

A crónica é, máis ou menos, a seguinte. A finais do s. X, ante a ameaza de Almanzor, levaron os seus restos para o mosteiro de Valdecésar, nas montañas ao noreste da provincia de León. No s. XII os monxes cistercienses de Moreruela, en Zamora, co pretexto de que San Froilán fora o fundador do mosteiro, roubaron os seus restos. Un Pio Latrocinio que activou a demanda  de recuperación por parte da catedral de León do corpo santo e que se resolveu coa decisión salomónica do papa: a metade dos restos quedaban en Moreruela e a outra metade, máis ou menos, viaxaba cara León. Contan os cronistas que durante a viaxe de regreso foi marabilla ver como chovía mel, tanto que das árbores e das cabezas e corpos de persoas e animais nacían regatos do doce e espeso manxar. No tímpano dun dos pórticos da portada sur da catedral de León están moi ben representadas estas escenas.

En 1580 o abade de Moreruela fixo engastar un óso “que é da cadeira ata o xeonllo” e a finais do mesmo século Ambrosio de Morales recontou as reliquias existentes no mosteiro e atopou “cinco canillas diversas, una espalda y algunos espondiles y costillas”. Nada máis.

Un pouco antes de que chegase a Lugo a súa tibia, aínda se librou un óso da canela do santo para o mosteiro de Villanueva de Oscos, en Asturias.

Do lobo que amansara san Francisco de Asís conservouse en Gubbio o esqueleto ata finais do s. XIX. Mágoa non sabernos que foi dos non menos santos ósos do lobo de san Froilán.

 

 

Figas e falos, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 09/10/2014)  

Unha boa parte do amplo repertorio xestual que usamos na actualidade é herdanza do mundo antigo. Poñer os cornos ou facer a figa, poñer orellas de asno, sacar a lingua, xirar o dedo índice sobre as tempas ou mandar a … co “digitus impudicus” son recursos que usamos con frecuencia para expresármonos. Moitos destes acenos variaron de significado ao longo do tempo e segundo a parte do mundo onde nos atopemos poden resultar ofensivos ou significar  protección.

O xesto de facer a figa (puño cerrado co dedo polgar entre o índice e o medio) é considerado apotropaico (obxecto ou xesto favorable, que afasta o mal) desde a época romana cando menos pois sabemos que xa se usaba entón nunha cerimonia que o cabeza de familia facía a media noite en cada casa para afastar os lémures, os perigosos espíritos dos mortos.

Esta función protectora do xesto da figa tamén é interpretada favorablemente na Galicia actual e en toda península,  en Italia e noutros lugares. Pola contra, en países coma Grecia e Turquía, e en case todos os da América central e do sur considérase insulto e ten connotacións sexuais. E é lóxico pois a palabra “figa” vén de “ficus”, e significa “figo”, ou sexa, verruga ou tumor situado no ano ou no órgano sexual feminino.

En Galicia teñen grande predicamento as figas elaboradas con acibeche vinculadas ás peregrinacións a Compostela. Moitas delas son xoias de gran valor, con engarces de ouro ou prata, e hai moita xente que as leva penduradas como amuleto contra meigallos do pescozo ou doutra parte do corpo.

Tamén eran  moi empregados en Roma tanto os amuletos como os xestos que reproducen a falo. Cando se facía o xesto, que consiste en erguer o corazón mantendo os demais dedos pechados contra a palma da man, considerábase un xesto obsceno que se facía con ánimo de molestar, sobre todo aos “cinaedus” (afeminados).

Mais non sempre era considerado un xesto impúdico. O poeta satírico romano Aulio Persio Flacco (34- 62 d. C.), cando critica as pregarias e oracións que os romanos dirixen aos deuses, describe un ritual no que a avoa ou tía materna do acabado de nacer humedecen o dedo medio con cuspe e con el sinálanlle a fronte e os labios á criatura para que non lle afecte o mal de ollo.

O falo reproducíase sobre todo para facer a función de amuleto (debuxos, colgantes, relevos) que se colocaban en portas de cidades, rúas, casas, cuartos, ata en carros, ou como colgante por homes, mulleres e nenos que se sentían así protexidos. Chamábase “fascinum”, un talismán moi popular que se supoñía que arredaba calquera perigo de orixe máxica.

O falo representa a fertilidade e a abundancia, e expoñelo á vista de quen mira, aínda que sexa en amuleto ou con un aceno, retrae a mirada, evitando así, se esa fose a intención, que nos cause mal de ollo ou de envexa.

Como é ben sabido, nos tempos actuais e por estas latitudes, a figura do “digitus impudicus” considerase sempre obscena e ofensiva. Un insulto dos máis graves, causa e xustificación  de disputas que comezan sendo dialécticas pero que poden continuar, e soe suceder, con algo máis ca palabras.

No Museo Provincial de Lugo custódianse figas de acibeche e amuletos fálicos de época romana.

 

 

Vade Retro Satana, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 16/10/2014)

O sábado, 25 de outubro, no salón de actos da Deputación de Lugo, vai ter lugar unha xornada dedicada aos usos e crenzas sobre amuletos e reliquias. A xornada organízana conxuntamente a AS-PG e a AELG, e conta co patrocinio da área de Cultura da Deputación de Lugo. Os obxectivos son coñecer a orixe e a historia, e descubrir a influencia destes obxectos nos nosos hábitos e comportamentos cotiás. Cousas boas e/ou santas, obxectos de poder bendicidos pola tradición ou pola fe que poden ser unha palabra, unha frase, un xesto, un papel, unha pedra, unha figura, un corpo ou mesmo parte dun animal ou dunha persoa santa, se falamos de reliquias, e que van constituir o centro das exposicións e debates previstos.

A mañá dedicarase ao tema das reliquias, as santas medicinas, e intervirán como relatores, igual que na mesa redonda posterior, dous especialistas na materia. María Rosa dos Santos Capelão é investigadora do Centro de Investigação Transdisciplinar Cultura, Espaço e Memoria da Universidade do Porto e doutorouse coa tese “El culto de reliquias en Portugal en los siglos XVI-XVII”. E Alfonso Blanco Torrado, o coñecido crego e dinamizador cultural no ámbito da Terra Chá, que vai falar das peticións dos crentes para obter o favor divino para ter saúde; e ámbolos dous instruirannos na mesa posterior sobre os usos e abusos destas prácticas.

Pola tarde chega a quenda dos amuletos con dúas novas intervencións. Eusebio Rey Seara, que é arqueólogo especializado en cultura clásica, en maxia e crenzas antigas, disertará sobre amuletos romanos, con especial atención ao “fascinum”, o falo apotropaico. Calros Solla, profesor de historia e lingua galega, etnógrafo e escritor, é tamén coleccionista de amuletos. Ten arredor de 300, entre amuletos, talismáns e pedras da fartura de uso corrente na Galicia tradicional, dos que amosará unha parte na sesión. Na mesa conxunta, e coa intervencións dos asistentes que o desexen, debaterase sobre o enigmático poder destes obxectos; e se é a maxia ou a razón as que guían o seu emprego na actualidade.

Para poñer o colofón a esta completa xornada é imprescindible a colaboración dos asistentes aos que se lles vai solicitar que leven canda si amuletos ou reliquias da súa propiedade, da súa familia ou que estean á súa disposición para amosalos, dicirnos como se chaman e algo máis. Como cada un deses obxectos é ben seguro que ten tras de si unha pequena historia e unha función que cumprir,  estou seguro de que aos alí presentes nos gustaría saber de onde procede, como se fixeron con el, e para que e con que grao de confianza o usan, se é que fan tal, na actualidade. Aínda que a entrada para asistir a esta xornada é libre e gratuíta, os que desexen recibir acreditación xustificativa deben inscribirse previamente a través das webs da AS-PG ou da AELG.

 

Por certo, a Medalla de San Bieito, un bo exemplo de amuleto relixioso, leva polo anverso as iniciais dun exorcismo que se usa para expulsar demos do corpo. Polo bordo da circunferencia, no cuadrante dereito superior, van tres letras (VRS) que son as iniciais que corresponden a “Vade Retro Satana”. Pois iso.

 

 

Os Escritos de Cotá, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 23/10/2014)

Rematamos esta breve xeira de artigos dedicada aos amuletos e reliquias por mor da xornada que sobre este asunto vai ter lugar este 25 de outubro, escribindo unhas notas sobre os Escritos de Cotá.

Hai uns 25 anos a miña muller e mais eu fomos a Cotá, lugar da parroquia do mesmo nome no concello de Friol, e mercamos o que vén sendo un Escrito, un papel dobrado con partes impresas e partes manuscritas. Daquela eramos, e aínda somos, desa xente que, sen crer, presta atención ás inercias da tradición.

Lembro que preguntamos pola Casa dos Escritos (ou Casa de Rosende) e atendeunos un home xa maior, o mesmo que nos despachou o tan desexado amuleto. Cando lle dixemos a que íamos, sacou dun caixón un papel, debuxoulle unhas cruces, escribiu nel cun bolígrafo o noso nome e o motivo polo que pediamos a protección, logo dobrouno, e cando nolo deu deixou á vista a data que correspondía coa do día. Antes de despedírmonos, e de pagar unha pequena cantidade, fíxonos tres advertencias: non parar nin falar con ninguén mentres non chegásemos á casa, non desdobrar endexamais o papel (ou sexa, non ler o que alí ía escrito) e renovalo ao cabo dun ano.

Cumprimos a primeira pero non as outras dúas advertencias. O papel estivo no caixón da mesiña de noite máis dun ano, e máis de dous, ata que desapareceu. Hai que dicir que mudamos de casa e que sospeitamos que foi nese tránsito, no que case todo o que existe se esvaece, cando nos desapareceu da vista.

Os Escritos son amuletos de papel (tamén se chaman Evanxeos, Rescriptos, Detentes…) que se usan para protexer animais, persoas e lugares onde se cre que pode haber perigo de meigallos. Pódense levar pendurados do pescozo ou na carteira, pódense poñer na porta da corte, no cuarto dun neno ou dun adulto, no coche, na oficina ou no tractor. Crese que protexen contra enfermidades e pestes, evitan desgrazas e toda clase de males, sempre e cando se cumpran as normas de uso citadas: non tratar con ninguén  na viaxe de volta despois de mercalo, non descubrir os segredos dos seus textos, renovalo no cabo do ano, e unha cuarta e definitiva condición: ter fe nos seus poderes.

A Cotá seica levara a moda dos Escritos un frade procedente do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Desde entón, non hai unha data precisa desa orixe, despacháronse arreo Escritos en Cotá na mesma casa de sempre, e o prezo a día de hoxe aínda segue sendo moi razoable; cincuenta céntimos de euro.

Dixen que cumpriramos a primeira advertencia pero non as seguintes. Nin o renovamos ao seu vencemento, obviamente por desidia, e tampouco puidemos evitar desdobrar o papel pois unha forza superior gobernada pola curiosidade puido máis.

O que descubrimos foi que na parte superior encabezaba, a modo de título, un I.N.R.I. Debaixo, no centro, tiña unha cruz latina rodeada de dous textos impresos, un en latín e outro en castelán. Varias cruces debuxadas nos ángulos do papel e o nome do solicitante, todo isto escrito a bolígrafo igual que a data …

Un momento! Agora decátome de que esta pode ser a razón pola que nos desapareceu o Escrito. Vese que non cumprir os mandados rituais sempre pode traer consecuencias!