Coa Gala das Letras a AELG continúa perseguindo o obxectivo de seguir presentes, visibles, convocando a cidadanía nunha cita anual ao redor da nosa literatura última, esa que é unha regalía e fai bailar os ollos de orgullo. Esa que continúa o camiño e dá alimento malia todas as adversidades. Unha literatura última que segue a emerxer carqueixa nos montes e que sabe a Lingua, Cultura, Futuro e Compromiso inquebrantable.
Os premios que se entregaron o pasado sábado 4 de maio no Auditorio do Centro Ágora da Coruña foron elixidos polas escritoras e escritores que traballan na nosa lingua engrosando en calidade e cantidade a nosa literatura, polos socios e socias da AELG que valoraron, ao longo de dúas quendas de votacións, as mellores obras publicadas no 2012 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil; tamén a toda unha traxectoria xornalística. Participaron tamén, na elección da obra gañadora de Literatura Infanto-Xuvenil, o conxunto de socios e socias de Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), así como na elección da Mellor Traxectoria de Xornalismo Cultural colexiados e colexiadas membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
Antes de iniciar a entrega dos premios, o primeiro menú musical da Gala das Letras veu da man dun home que conta que aos catro anos os veciños escoitábano cantar polos tellados, que nel a música foi ligada sempre á literatura e que, ás veces, a arte é revolución.... ou así debería ser: César Morán.
Tomou despois a palabra Césareo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
Vimos celebrar nesta noite de literatura e música o traballo das escritoras e escritores galegos, a fértil colleita literaria. Vimos honrar aqueles que individual ou colectivamente son creadores na defensa do noso idioma que xorde e nos chama dende a noite milenaria dunha cultura que ollou pasar xeracións e xeracións de homes e mulleres a ser canteiros da palabra, a ser labregas que lle arrincaron á noite da terra erma as alfaias do dicer e o sentir deste idioma que habitamos, mariñeiros e redeiras na busca da palabra prateada e viva no fulgor nutricio das augas fondas da memoria colectiva.
O fallo dos Premios AELG foi o seguinte:
En Literatura Infanto-Xuvenil resultor gañador O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais), quen recibiu o premio da man de Mercedes Cerdeiras, Vicepresidenta segunda de Gálix.
Considerouse como mellor traxectoria xornalística a de Ana Romaní, a quen lle entregou o premio Marcos Sanluis López, Secretario do Colexio Profesional de Xornalistas.
O mellor blog literario foi Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
A tradución máis valorada resultou ser Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de
Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
Banqueiros, (VV. AA.), con Francisco Pillado como coordinador (Laiovento), foi considerada a mellor obra de teatro.
Recuncou Ramón Nicolás no apartado de ensaio, no que Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais) foi a obra máis votada.
Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia), reforzou con este Premio AELG de Narrativa a súa recoñecida traxectoria
O primeiro recoñecemento ex-aequo da historia dos Premios AELG deuse este ano na categoría de poesía, na que Os ángulos da brasa (Factoría K de libros), de Manuel Álvarez Torneiro, e Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos) (cuxo premio foi recollido por Marica Campo), resultaron os poemarios que en pé de igualdade máis gustaron á base asociativa da AELG.
Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, entregouse o Premio Internacional “ESCRITORA GALEGA UNIVERSAL”, galardón concedido pola Asemblea Xeral de Socias e Socios da AELG, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda e José Luis Sampedro, e co que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere destacar a aqueles autores e autoras que unen á excelencia literaria, o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana. Lídia Jorge reconfortounos con palabras cheas de esperanza e fe no poder da literatura.
Despois das palabras da autora xa galego-portuguesa, proxectouse o seguinte vídeo
un dos elaborados polos máis de 90 centros de ensino que se sumaron á convocatoria da AELG con motivo da celebración do Día de Rosalía e que debemos ao CEIP de Randufe, do Concello de Tui. Vídeo que deu paso á primeira actuación de Uxía.
Este 2013 aumentaron os premios que se conceden nesta festa das letras da AELG. Pois se ben ata o de agora os Premios da Crítica elixidos pola Sección de Crítica da AELG eran un recoñecemento, este ano materializáronse nunha pluma estilográfica.
Na modalidade de Narrativa entregou o premio Xosé Manuel Eyré, un dos coordinadores da Sección da Crítica da AELG, a Ana Romaní, quen leu unhas palabras de agradecemento de Begoña Caamaño, autora de Morgana en Esmelle
Na modalidade de Poesía, entregou o premio Alfredo Ferreiro, membro da Sección de Crítica da AELG. Manuel Álvarez Torneiro, por Os ángulos da brasa, foi o gañador na presente edición.
Co Premio Bos e Xenerosos, que xa está na súa décima edición, a AELG quere recoñecer unha figura ou colectivo que pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura. Contaron xa con este galardón institucións e persoas coma Avelino Pousa Antelo, Museo do Pobo Galego, Ponte...nas Ondas, O Laboratorio de Formas, A Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Mariví Villaverde, os concellos organizadores do Premio Blanco Amor, Francisco Fernández del Riego e Francisco Carballo.
Nesta edición, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere recoñecer o humor como ferramenta de subversión e cambio, movilizadora e integradora. Este ano, a Asamblea Xeral da AELG outorgou o premio Bos e Xenerosos, pola súa defensa do idioma no ámbito do humor gráfico, que deu á luz unha obra na que vemos espellada a nosa realidade cunha visión crítica e esperanzadora.... aos humoristas gráficos:
- Anxo Rodríguez López “Gogue”
- Xosé Carreiro “Pepe Carreiro”
- Xaquín Bieito Marín “Xaquín Marín”
- Xosé Lois González “O Carrabouxo”
- Siro López Lorenzo “Siro”
Entregou o premio Francisco Carballo, Bo e Xeneroso, para a seguir interviren Siro López e Xosé Lois González en representación desta xeración de creadores. Estas foron as palabras de Siro:
Premio MESTRAS E MESTRES DA MEMORIA
Antonio Reigosa, coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG explicou as razóns da creación desta distinción:
Seguindo as recomendacións da UNESCO, a sección de Literatura de Tradición Oral e o Consello Directivo da AELG consideramos que o alicerce básico sobre o que construírmos sentimentos de identidade pasa por identificar e recoñecer publicamente a aqueles homes e mulleres que posúen en grao sumo os coñecementos e técnicas precisas para interpretar ou recrear determinados elementos do noso Patrimonio Cultural Inmaterial.
A salvagarda e continuidade deste patrimonio vivo, apousentado na memoria individual e colectiva, depende da consideración social que sexamos capaces de conceder a todos e cada un destes depositarios, que son, en definición da UNESCO, verdadeiros Tesouros Humanos Vivos.
Neste primeira edición dos Premios MESTRAS E MESTRES DA MEMORIA queremos honrar a MANUELA CORTIZO MEDAL, Manuela de Barro ou Manuela das Marianas, reside en Cerdedo onde naceu hai case 83 anos. Tras unha vida intensa, dura, apenas escolarizada, cando chegou á xubilación promoveu a creación da agrupación Pandereteiras de Barro de
Arén, grupo que chegou a gravar un disco e que aportou ao panorama da música popular tradicional un repertorio infinito de coplas e cantigas extraídas da memoria prodixiosa de Manuela.Da calidade da súa voz, a mesma daquela nena á que ás súas tías lle pedían que cantase mentres alindaba as vacas polo monte para saber onde andaba, dá unha cabal idea o apelativo que lle dedica o escritor Calros Solla, biógrafo e gran recompilador do inmenso arquivo da súa memoria, cando a define como a “Monserrat Caballé de Terra de Montes”.
Por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional declárase MESTRA DA MEMORIA a MANUELA CORTIZO MEDAL. Recolleu o diploma Sinda Álvarez Cortizo, filla de Manuela, quen agradeceu fondamente o recoñecemento.
Así mesmo, nesta primeira edición dos Premios MESTRAS E MESTRES DA MEMORIA honrouse a ÁNGEL RIVAS VEIGA, que naceu en Eirexúa, en Xudán, hai algo máis de 88 anos. Dedicouse a múltiples oficios, entre eles durante 20 anos seguidos formou parte dunha cuadrilla que ía segar a Castela. É un grandísimo narrador deses contos que os estudosos da materia chaman marabillosos, como O Castelo de Irás e Non Volverás, O fardelo e a manta, O ferreiro e o demo, A gaita máxica... e outros que en moitos casos resultan ser versións únicas das recompiladas en Galicia e incluso na península.Ángel, aínda que só momentaneamente, chegou a vivir do conto. Nunha das súas xeiras laborais traballou nunha panadería e o patrón, cando lle enfermaba un dos fillos, encargáballe que lle fixese compaña ao neno para que lle contase uns contos. Mágoa que non lle durase aquela ocupación; a calor do forno non lle sentaban e tivo que mudar de oficio aínda que o que máis perdeu no cambio foi o fillo do panadeiro.
Por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional declárase MESTRE DA MEMORIA a ÁNGEL RIVAS VEIGA
PREMIO AELG 2013 INSTITUCIÓNS
A Asemblea de Socias e Socios da AELG acordou outorgar o premio INSTITUCIÓNS 2013, que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, ao asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural.
As asociacións recoñecidas no Premio Institucións 2013 son:
- C. O Galo, de Santiago de Compostela (1961), recollendo o premio Isabel Kerdudo, da Xunta Directiva.
- Agrupaçom Cultural O Facho, da Coruña (1963), representado por José Alberte Corral Iglesias, secretario, e Rafael Galego, tesoureiro.
- Clube Cultural Valle Inclán, de Lugo (1966), contando coa presenza de Pilar Martínez Conde ‑Pilocha-, vogal, e Tareixa Campo Domínguez.
- Agrupación Cultural Auriense, de Ourense (1967), cuxo galardón foi recollido por Xosé Lois González, ex-presidente.
- Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra (1967), cuxos representantes foron Augusto Fontám e Anjo Torres.
- Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo (1972), premio recollido por Dores Fernández Abel, presidenta, e Alicia Sarmiento González.
- Agrupación Cultural Avantar, do Carballiño (1974), que non puido enviar representación.
- Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña (1976), sendo Xosé Manuel Sánchez Rei, presidente, e Ana Mourelle, vicepresidenta, quen recolleron o galardón.
- Agrupación Cultural Lumieira, de Carballo (1976), representada por Rosalía Fernández Rial, presidenta, e Farruco Fraga, ex-presidente e vogal na actualidade.
- Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol (1979), que recolleu o premio a través do seu vicepresidente, Manuel Rei Romeu.
En nome de todos e todas Xosé Manuel Sánchez Rei, presidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, dirixiu ao auditorio as seguintes palabras:
Antía Otero, Vicepresidenta da AELG e mantedora do acto fixo constar os parabéns do Consello Directivo da AELG aos compañeiros e compañeiras de oficio premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que se estende a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o noso público recoñecemento,pois todo el se converte nunha globalidade creadora, partícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción e alento de futuro.
Asemade, o Consello Directivo da AELG agradeceu a través das palabras de Antía Otero a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.
Tras o visionado do seguinte vídeo:
colleita tamén do Día de Rosalía de Castro, elaborado pola comunidade educativa do CEIP Doutor Suárez, de Fornelos de Montes, a actuación final de Uxía puxo o ramo a esta primeira Gala das Letras que, grazas a Tati Mancebo, de Algueirada (Acción cultural na rede), pode ser vista nas seguintes ligazóns:
As obras finalistas foron:
Blogs Literarios
- Caderno da crítica, de Ramón Nicolás
- Criticalia, de Armando Requeixo
- Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García-Fernández
Ensaio
- Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón (Xerais)
- O labirinto da saudade, de Luís G. Soto (Laiovento)
- Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais)
Literatura Infanto-xuvenil
- Eu, pel, de Teresa González Costa (Xerais)
- O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais)
- O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro (Galaxia)
- Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais)
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural
- Ana Romaní
- Blanca-Ana Roig Rechou
- Carme Vidal
- Fran P. Lorenzo
- Iago Martínez
- María Solar
- Moncho Paz
- Ramón Nicolás
Narrativa
- A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval (Xerais)
- As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais)
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia)
- Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Xerais)
- Verde oliva, de Xavier Alcalá (Galaxia)
Poesía
- Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos)
- emily on the road, de Ramón Blanco (Acha Escrava Editora)
- Fase de trema, de Lorena Souto (Espiral Maior)
- O silencio, de Mario Regueira (Xerais)
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Factoría K de libros)
- ruído de fondo, de Daniel Salgado (Xerais)
Teatro
- Banqueiros, de VV. AA. -Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento)
- Novo teatro fantástico, de Manuel Lourenzo (Laiovento)
Tradución
- Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana(Edicións da Curuxa)
- Carné de identidade, de Mahmud Darwix, en tradución de Moncho Iglesias e Samar Sabat (Barbantesa)
- Gretchen, miña nena, de Christine Nöstlinger, en tradución Isabel Soto (Oxford University Press)
- O home unidimensional, de H. Marcuse, en tradución de Jesús Saavedra (Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Universidade de Santiago)
- O sentido dun final, de Julian Barnes, en tradución de Xesús Fraga (Rinoceronte)