Con este premio, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda e José Luis Sampedro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da súa obra, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético. A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, apreciada por crítica e público, nun consenso difícil de conseguir. En compañía dos seus personaxes Lídia Jorge móstranos a realidade e permítenos entender os cambios sociais.
Este foi o programa da estadía de Lídia Jorge en Galicia
Venres, 3 de maio:
- Ás 18.15, ofreceu no Salón de Actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) unha rolda de prensa á que seguiu unha visita ás instalacións da Academia guiada polos Académicos Andrés Torres Queiruga e Euloxio R. Ruibal, e a sinatura no libro de honra.
- Ás 20.00 e tamén no Salón de Actos da RAG, impartiu a conferencia “Quem guardará os livros” coa que se clausuraron os VI Encontros Cidade da Coruña organizados pola AELG.
Vexa aquí a intervención da presidencia da AELG.
O sábado, 4 de maio recibiu o Premio Escritora Galega Universal no transcurso da Gala das Letras.
Lídia Jorge naceu no Algarve en 1946. Licenciouse en Filoloxía Románica pola Universidade de Lisboa. Como profesora do Ensino Secundario pasou algúns anos decisivos en Angola e Mozambique, durante o último período da Guerra Colonial.
A publicación da súa primeira novela,O Dia dos Prodígios (1980) constituíu un acontecemento. Seguíronlle O Cais das Merendas (1982) e Notícia da Cidade Silvestre (1984), ambos distinguidos co Premio Literario Cidade de Lisboa. A Costa dos Murmúrios (1988), libro que reflicte a experiencia colonial en África, confirmou o seu destacado lugar da autora no panorama das letras portuguesas. Entre outras novelas, cóntanse O Vale da Paixão (1998) galardoado co Premio Dom Dinis da Fundação da Casa de Mateus, o Premio Bordalo de Literatura, o Premio Máxima de Literatura, o Premio de Ficção do P.E.N. Clube, e en 2000, o Premio Jean Monet de Literatura Europea, Escritor Europeo do Ano. Pasados catro anos Lídia Jorge publicou O Vento Assobiando nas Gruas (2002), un dos máis apreciados pola propia autora, novela que mereceu o Grande Premio da Associação Portuguesa de Escritores, o Premio Correntes d’Escritas e primeira edición do Albatroz, Premio Internacional de Literatura da Fundación Günter Grass.
A autora publicou aínda dúas antoloxías de contos, Marido e Outros Contos (1997) e O Belo Adormecido (2003), ademais das publicações separadas de A Instrumentalina (1992) e O Conto do Nadador (1992) e a peza de teatro A Maçon.
As novelas de Lídia Jorge están traducidas a diversas linguas.