Polafía na Guarda
De costa a costa: historias do mar que amamos
Venres, 16 de novembro, ás 19:30 horas
Centro Cultural da Guarda
Rúa Rosalía de Castro, 14
ENTRADA LIBRE
Coa participación de
- Carmen Baz, redeira
- Xurxo Chirro, Aproximacións modernas ao patrimonio
- Xosé Lois Vilar, Talasonimia, os nomes do mar en Galicia e Portugal
- Praxíteles González Martínez, Cavaqueiro do Rosal
- José Benito Rodríguez González, “Tito Chirro” (mariñeiro)
- Xerardo Santomé e Camilo, Treboada de Tomiño
- Maria Aurora Botao Pereira, O nascimento da pesca en V.P. de Ancora e o contributo de A Guarda
Música
Tino Baz e Grupo de Pandereteiras Xamaraina
Rimas populares lidas por Isidro Novo
Presenta
Jose Font, director de Radio Tui
Colaboran
Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!
Concello da Guarda
Co patrocinio de
Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria)

Pode descargar aquí o cartel en pdf ou jpg
Crónica en galiciasuroeste.info:
O Centro Cultural da Guarda acolleu o venres, 16 de novembro, unha Polafía (especie de revista falada), coa participación de distintos protagonistas e una afluencia de público que ocupou pouco máis da metade do aforo do salón de actos: algo máis dun cento de persoas que seguiron con verdadeiro interese canto se falou polos convidados.
Conduciu este acto o director da Radio Municipal de Tui, José Font, e presentouno Antonio Reigosa, da Asociación de Escritores da Lingua, que xunto con Ponte nas Ondas, promoveron a Polafía. Antonio Reigosa referiuse á transmisión do patrimonio por vía oral “dos máis vellos aos máis novos e que logo, aínda que os tempos están mudando neste sentido bastante, debéramos transmitir aos que veñen detrás nosa”.
O acto abriuno Tino Baz, que puxo voz e son musical a distintas interpretacións e que pecharía tamén este encontro coa transmisión oral. Sobre o escenario, estiveron tamén, en distintas ocasións, as pandereteiras de Xamaraina que arrincan sempre entusiasmados aplausos do público, e subiu tamén ao estrado o recitador lugués Isidro Novo con poemas do arcebispo Lago, Eliseo Alonso e Gómez Alfaro.
Carmen Baz, redeira de 75 anos, foi a primeira entrevistada por José Font. Lembrou os tempos duros das atadeiras, que é o nome con que se coñece na Guarda ás mulleres que traballan armando e reparando redes. Cunha chispa de humor, “fago 76 anos o día da Lotería, pero nunca me tocou”, foi explicando algúns tipos de redes empregadas na Guarda e as capturas principais a que estaban dedicadas. Utilizou os termos propios do oficio, lembrou os lugares nos que traballaban as mulleres como eran as propias casas e as chabolas, o pouco que se pagaba por un oficio que era a única saída que tiñan as mozas, e fixo unha loubanza ás mulleres con funcións de esposas, nais, economistas e un longo etcétera non sempre –ou case nunca- ben recoñecido.
Xosé Lois Vilar, subiu de seguido ao escenario para falar, máis que de Talasonimia, da toponimia con breves pinceladas, dado o limitado do tempo, dos nomes de lugares da Serra da Groba e da nosa costa. Coa retranca propia dos galegos, arrincou as gargalladas do público e os aplausos xa desde o comezo da súa intervención na que reclamou o uso do galego como medio de expresión e valorou a memoria dos nosos vellos que son o derradeiro arcás no que se conservan tantos nomes que van camiño de se perder. Os topónimos, dixo, son localizadores, pero tamén descritores da realidade da que recibiron o nome.
José Benito Rodríguez González, Tito Chirro, foi o terceiro entrevistado por José Font para contarnos as dificultades da vida dos mariñeiros a bordo dos barcos. Corenta anos navegando polo noso mar, pero tamén “polo Pacífico, Índico, Atlántico Norte, Atlántico Sur, África; desde Irlanda do Norte ata Australia”. Mareas de ata catro meses e medio; a falla de vida social, estar alleos ao que sucedía no mundo, as relacións entre os tripulantes e o regreso ao fogar “que era como unha nova lúa de mel”, foron parte dos contidos relatados por Tito Chirro que tamén soubo valorar a enorme responsabilidade que tiñan as mulleres dos mariñeiros.
Xerardo Santomé, do colectivo Xistra, adiantou que en breve presentará na Guarda o libro sobre as treboadas miñotas titulado “Treboada Galega” do que é autor. Na súa comparecencia fronte ao público defendeu ao orixe baixomiñota do “bombo de treboada” diferenciándoo “do bombo de ghaiteiro, estreito, cuxa orixe está no século XI coas invasións turcas”. Estas bandas foron tamén as precursoras das bandas militares coa finalidade de amedrentar ao contrario. Explicou noutro momento que a asociación Xistra funciona na actualidade máis con proxectos que facendo música, que xa non é tanto o obxectivo deste colectivo. Noutro momento explicou o que é, na parte portuguesa, o Zé Pereira “que é un bombo, non é certo que sexa o nome e apelido dunha persoa”.
María Aurora Botao Pereira falou de “O nascimento da pesca en V.P. de Áncora e o contibuto da Guarda”, desvelando que foron mariñeiros da Guarda os que promoveron esta profesión en vila Praia de Áncora, xa que as comunidades ancorienses estaban vinculadas ao agro. Nun traballo documentado, deu a coñecer as afiliacións dos precursores de V.P. de Áncora, apelidos que foron recoñecidos polos guardeses presentes na sala. “Os habitantes de Vila Praia de Áncora non utilizaban o mar como recurso económico”. En 1825 chega o primeiro mariñeiro, natural da Guarda; Antonio Verde, que dos sete fillos que ten, os dous últimos naceron xa en V.P de Áncora. Outras familias paseniñamente, ata 61, fóronse desprazando cara a Vila Praia de Ácora sendo o maior número delas na década de 1869 a 1879.
Nos datos aportados por María Aurora Botao Pereira, constátase que, fronte aos ancorenses, as familias da Guarda foron moi prolíficas: entre 1825 e 1924, naceron máis de dez mil descendentes desas familias, calificando a ponente de “cousa extraordinaria” esta natalidade.
Beli Martínez, do Proxecto Socheo, pechou as comparecencias falando deste proxecto cuxo traballo pódese consultar nunha canle propia en Youtube. Animou a que "todos que teñen material (gravado) nas súas casas nolo acheguen para facer entre todos unha especie de álbum colectivo, un álbum do pobo”, Presentou algúns vídeos coa temática do mar, e proxectou imaxes dunha pelícua dirixida por Carlos Belo, que estaba desaparecida e se atopou hai uns dous anos na filmoteca de Moscú. Rodada nos anos 30 ten algunhas referencias á Guarda.
O concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo, que entregou uns recordos aos organizadores, agradeceulles que elixisen á Guarda para promover a primeira Polafía do Baixo Miño.
As 64 primeiras fotos da fototeca desta actividade, da autoría de Antón Ferreira, foron tomadas de galiciasuroeste.info.
Que son as polafías?
Unha aposta da AELG a prol da literatura galega de tradición oral.
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.