Nesta edición debateuse a oralidade desde o punto de vista do escritor/a, analizando as características dos textos que se crean para seren lidos e interpretados (guións de cinema e teatro, medios de comunicación, poemas, contacontos...). Tamén os modos nos que o escritor/a recrea a oralidade e, en especial, a intencionalidade do escritor/a na recreación da linguaxe falada tendo en conta as características e situación de normalización da lingua na que se escribe.
A delegación galega estivo composta por Cesáreo Sánchez, presidente, Mercedes Queixas, secretaria xeral e os relatores/as:
- Antonio Reigosa, que presentou o relatorio “A oralidade nos textos literarios”
- Vanesa Sotelo, quen co título "Operativos e literarios", participou na mesa “Guións de teatro e cine”
- Xurxo Souto, que participou na mesa “Oralidade e medios de comunicación” co traballo titulado "Xeografía xeral do mar de Galiza".
Estas foron as conclusións do encontro:
Reunidos en Donostia os días 26, 27 e 28 de outubro no marco do encontro anual da Federación Galeusca, os escritores cataláns, galegos e vascos, chegouse ás seguintes
CONCLUSIÓNS
1.Estimamos que a literatura debe ter unha presenza máis intensa en todos os niveis do sistema educativo, tendo en conta que o marco normativo, e en especial as últimas reformas educativas que pretenden a recentralización regresiva, obvia a existencia das literaturas minorizadas do Estado.
2.Esta mesma esixencia faise extensiva ao fenómeno da oralidade que, lonxe de ser entendida unicamente na súa dimensión tradicional, persiste como realidade actual e con capacidade de se adaptar ás novas tecnoloxías desde as experiencias máis vangardistas. Neste sentido, resaltamos a oportunidade de desenvolver as retóricas orais no ámbito da formación e da comunicación.
3.Denunciamos que os medios de comunicación de ámbito estatal, como reflexo da política activa das estruturas gobernamentais, negan e invisibilizan todas aquelas manifestacións literarias que se producen nas nosas nacións.
4.Reclamamos ás institucións públicas un esforzo engadido para recuperar a memoria colectiva, moi especialmente aquelas experiencias asociadas ás clases populares que teñen escaso acceso ao espazo público. Asemade, convocamos a sociedade para que se implique activamente neste labor común.
5.Fronte aos contidos banais e evasivos xerados polas industrias e medios de comunicación de masas, optamos pola incorporación e potenciación de experiencias culturais auténticas, arraigadas, comprometidas e críticas.
6.Por último, como parte da sociedade que alimenta as nosas literaturas, non estamos á marxe dos procesos históricos que están a vivir as nosas respectivas nacións co obxectivo de conseguirmos as máximas cotas de soberanía. Neste sentido, seguiremos a traballar para acadarmos a plena normalización das nosas realidades nacionais e, en consecuencia, das nosas culturas e sistemas literarios.
Este encontro é tamén o marco no que se celebra a Asemblea da Federación Galeusca, creada polas asociacións de escritores de Euskadi, Cataluña e Galicia como instrumento para a coordinación e a acción conxunta, esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas. A Asemblea tomou, entre outros, o acordo de facer xestións ante o Ministerio de Cultura para que aplique e leve á practica a proposición non de Lei Medidas para que o Ministerio de Cultura asuma a multiculturalidade e plurilingüismo existente no Estado no sector da literatura, que, impulsada pola propia Federación Galeusca, foi finalmente foi aprobada por unanimidade o 15 de setembro de 2010 no Congreso dos Deputados. Esta proposición indica que o Estado debe crear as condicións para que poidan ser perceptoras das axudas económicas as asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado, feito que non está a acontecer dado que a Asociación Colegial de Escritores de España recibe axudas ás que non optan as súas homólogas de Cataluña, Euskadi e Galicia.
Programa
26 de outubro
18:00 Benvida
19:30 Recital-concerto: ‘Zazpi poeta alén da fronteira’ en Koldo Mitxelena kulturunea
27 de outubro
09:30 Acto oficial no museo San Telmo
Conferencias: Oralidade
10:15-10:45 Juan Kruz Igerabide (EIE)
10:45-11:15 Laia Martinez Lopez (AELC)
11:15-11:45 Antonio Reigosa (AELG)
Conferencias: Medios de comunicación
12:15-12:45 Rafa Xambó i Olmos (AELC)
12:45-13:15 Xurxo Souto (AELG)
13:15-13:45 Arantxa Iturbe (EIE)
Conferencias: Guións de teatro e cine
16:30-17:00 Vanesa Sotelo (AELG)
17:00-17:30 Aitzpea Goenaga (EIE-Etxepare Institutua)
17:30-18:00 Lluís Arcarazo Martínez (AELC)
18:30-20:00 Contacontos: Joxemari Carrere (éuscaro), Cristina Mirinda (galego), Carles Garcia Domingo (catalán)
28 de outubro
10:30 Asemblea e Conclusións finais da Federación Galeusca