PRIMEIRO OBRADOIRO DE NARRACIÓN ORAL
Organizou: Seccion de Literatura de Tradición Oral da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Patrocinou: Concellería de Cultura, concello de Lugo
Lugar das aulas: Centro Social Uxío Novoneyra (Lugo)
Datas: do 25 de setembro ao 18 de decembro (13 sesións, 26 horas)
Horario: Os martes de cada semana, de 18 a 20 horas.
Coordinación: : Isidro Novo (vogal en representación de Lugo no Consello Directivo da AELG), e Antonio Reigosa (responsable sección de Literatura de Tradición Oral da AELG)
Impartiron as aulas: Isidro Novo (6 sesións), Antonio Reigosa (6 sesións) e Celso Fernández Sanmartín (sesión final)
Inscricións: 39 persoas, maiores de 15 anos
Asistencia: Asistiron regularmente ás aulas entre 20 e 25 persoas
Contidos
Durante as 13 sesións tratáronse os seguintes contidos:
-A soporte comunicacional da cultura popular tradicional: a oralidade
-A linguaxe oral: palabras con memoria …
-Novas formas de cultura e comunicación oral. Oralidade e TIC. Xéneros de improvisación
-A lectura en voz alta. Lecturas colectivas
-O discurso e a destreza oral
-A (falsa) improvisación oral). Técnicas e recursos
-A comunicación oral
-A historia, as memorias de vida e as fontes orais
-As linguaxes non verbais da oralidade
-Literatura de tradición oral: xéneros
-Os rumores. As lendas urbanas, modernas ou contemporáneas.
-Exercicios prácticos para oralizar textos escritos
-Clase maxistral a cargo do narrador oral Celso Fernández Sanmartín
VALORACIÓN
Concluídas as 13 sesións deste 1º obradoiro de Narración Oral, o primeiro chanzo realmente firme para tentar crear en Lugo con vocación de permanente unha Escola de Narración Oral, e grazas ao apoio económico e de infraestruturas prestado pola área de Cultura do concello de Lugo, entendemos, e así cremos térllelo transmitido aos primeiros alumnos, que a oralidade constitúe e constituirá no futuro o principal soporte comunicacional para a transmisión de saberes e de coñecementos.
A oralidade non é só o soporte de comunicación da cultura tradicional. Como é ben sabido, hai novas formas de expresión cultural que teñen como vehículo de comunicación a oralidade.
Ao longo das sesións, con aportes valiosísimos de todos os asistentes, fomos descubrindo aspectos da oralidade agochados na memoria de cada un de nós. Desde as lembranzas máis íntimas, persoais ou familiares, ata a posibilidade de recrear a memoria colectiva dunha aldea, barrio ou vila. Desde a recuperación de nomes de persoas, rúas ou camiños, ata a biografía de personaxes esquecidos, ou a confrontación con outras memorias e experiencias relacionadas con acontecementos históricos de máis alcance.
O coñecemento e a divulgación do noso patrimonio cultural non poden renunciar á oralidade que, curiosamente, renace nestes tempos e coñece novas posibilidades grazas á tecnoloxía e aos novos modos de comunicación como é o caso de internet.
Aínda que as sesión deste primeiro obradoiro tiveron un alto contido teórico, dedicamos unha parte importante do tempo a realizar exercicios de oralización e á recuperación de narracións esquecidas desde a infancia: sucedidos, contos, lendas, recitados, romances, coplas … Exercitamos a memoria como o que é, o sustento imprescindible para vivir e analizamos as estruturas internas máis efectivas para o discurso oral. Elaboramos textos destinados a ser ditos e, en resume, practicamos a oralidade espíndoa de prexuízos, entendida como un patrimonio cultural per se, independentemente dos valores e información que nos transmite.
A sesión final, a cargo de Celso Fernández Sanmartín, resultou unha clase práctica, moi amena, ademais de maxistral, sobre os “poderes” esquecidos da oralidade como sistema de comunicación primordial.
