3 de marzo de 2012
Ás 12.00 no salón de actos do Museo do Pobo Galego. Coa colaboración de CEDRO.
Foto da actividade

A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou a homenaxe “Os Bos e Xenerosos”, que supón un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.

No 2012 chegamos á súa novena edición, que se dedicou, por decisión unánime dos escritores/as Socios/as, a Francisco Carballo. Ao longo de máis de corenta anos o noso homenaxeado participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto.
 
Francisco Carballo súmase así á lista dos Bos e Xenerosos da AELG, conformada por Avelino Pousa Antelo, Museo do Pobo Galego, Ponte nas ondas, Isaac Díaz Pardo, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Mariví Villaverde, Concellos organizadores do Premio Blanco Amor e Francisco Fernández del Riego.
 
A laudatio foi lida por Anselmo López Carreira
 
Programa do acto:
 
12:00
Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Aelg.
Lectura da acta de concesión do Premio, Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da Aelg.
Laudatio pronunciada por Anselmo López Carreira.
Entrega dunha placa conmemorativa ao homenaxeado.
Resposta á laudatio de Francisco Carballo.
 
Pode descargar aquí a gravación de audio 
 
Pode descargar aquí o programa
 
 

 
 
Nacido en Celeiro de Asadur (Maceda-Ourense) o 8 de marzo  de 1925, no ano 1941 marchou a Madrid para ingresar como novicio nos Paúis. Estudou Teoloxía e Historia (licenciado en 1954) en Madrid. Foi director do colexio San Narciso de Marín (1954-1958) e noutro de Barakaldo (1958-1965). Foi profesor da Igrexa no teologado San Vicente de Paúl en Salamanca, e o seu reitor (1965-1971), e no Instituto Teolóxico Gaudium et Spes (1965-1973). En 1973 trasladouse Vigo como profesor da Escola Universitaria de Maxisterio. Francisco Carballo foi un dos fundadores do semanario A Nosa Terra en 1977 e un colaborador constante. En 1981 foi condenado a seis meses e un día de prisión menor e a 20.000 pesetas de multa por calumnias á policía no libro Historia de Galicia.
Ten colaboracións en A Trabe de Ouro e Encrucillada.
 
Obra
•Ensaio
A igrexa galega, 1995, A Nosa Terra.
Alexandre Bóveda, 1999, A Nosa Terra.
Breve Historia de Galiza, 2000, A Nosa Terra.
Martín Sarmiento, 2002, A Nosa Terra.
 
•Libro de conversas
Conversas con Francisco Carballo, con Santiago Prol e Xan Carballa, 2002, A Nosa Terra.
 
•Obras colectivas
Historia de Galicia, 1979, Frente Cultural da ANPG.
Castelao contra a manipulación, 1984, Xistral.
A nosa literatura, 1988.
12 anos na búsqueda da nosa identidade, 1990.
Historia de Galicia, 1992, A Nosa Terra.
O mundo desde aquí, 1993, IGADI.
Historia Xeral de Galicia, 1997, A Nosa Terra.
Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70, 2009, Fundación Bautista Álvarez.
 
 
 
Máis información e fotografía do homenaxeado en:
http://www.aelg.org/Centrodoc/GetAuthorById.do?id=autor177
 
Máis información sobre “Os Bos e Xenerosos” da AELG:
http://www.aelg.org/GetPastActivitiesByCategory.do?categoryId=5