Eiquí, onde é o Lugo noso, onde nacín e onde aínda nazo algo cada día, soubémonos sempre viaxeiros ás portas dun vello camiño fadado, dun vieiro antigo que foi, se cadra demasiadas veces, camiño de ida, camiño de marchar lonxe sen a certeza dun retorno desexado.
Por ese sendeiro andei eu a carretar todos estes anos o espello cativo da miña escrita coa pretensión de volverlles algo do que sempre fora de seu a aqueles que eiquí quixeron concederme o don prodixioso da fala nosa.
Paco Martín
A Homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XVII Edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Paco Martín, que foi homenaxeado na súa terra natal, a cidade de Lugo.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de década e media como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a, neste caso Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor, a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado/a a un espazo público ou infraestrutura cultural, neste caso a Biblioteca Municipal do barrio da Piringalla.
Programa:
11.30 h Avda. Ramón Ferreiro (Praza da Horta do Seminario).
Plantación da árbore simbólica do escritor (carballo) e descubrimento do monólito conmemorativo
- Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
- Mercedes Queixas Zas, Secretaria xeral da Aelg
- Paco Martín
- Concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Sr. Bao Abelleira
12.30 h Salón de Plenos do Concello de Lugo
Acto de entrega da “Letra E” e anuncio da inauguración da Biblioteca do Barrio da Piringalla co nome de Paco Martín
• Alcalde de Lugo, Sr. López Orozco
• Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
• Alejandro Tobar: Laudatio
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
• Intervención do homenaxeado: resposta á laudatio por parte de Paco Martín.
14.00 h Restaurante do Hotel Méndez Núñez
Xantar de confraternidade.